CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

As máscaras ourensás tomarán Compostela o 8 de setembro

Os folións de Manzaneda, Viana do Bolo e Vilariño, os Cigarróns de Verín ou as Pantallas de Xinzoestarán entre as trece manifestacións carnavalescasás que percorrerán o centro de Santiago nese día
As Mázcaras de Manzaneda danzando, xunto ao fulión, na praza do Obradoiro na pasada edición deste desfile promocional./ Foto cedida.

As máscaras de trece Entroidos galegos, boa parte deles da provincia de Ourense, participarán o vindeiro 8 de setembro en Santiago nun desfile promocional desta celebración de inverno. Este evento presentábase nesta mañá de 29 de agosto na capital galega da man da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Na cita teñen previsto participar figuras carnavalescas como as Mázcaras e o fulión de Manzaneda, as Pantallas de Xinzo de Limia, os Cigarróns de Verín, o folión e os Boteiros de Viana do Bolo, os Peliqueiros de Laza, as Madamas e Galáns de Cobres (Vilaboa. Pontevedra), os Xenerais e os Correos da Ulla (A Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces), os Felos de Maceda, os Boteiros e o folión de Vilariño de Conso, os Volantes de Santiago de Arriba (Chantada), as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós e os Vergalleiros de Sarreaus.

Con motivo deste desfile editouse un folleto que recolle os detalles dos diferentes Entroidos así como dos personaxes que participarán no desfile. Todos estarán no Obradoiro a partir do mediodía do 8 de setembro e ás 12:30 horas encherán de cor e son as rúas de Fonseca, Vilar, praza do Toural, Cantón do Toural, rúa Nova, rúa de Xelmírez, Cinco Rúas, rúa do Preguntoiro, praza de Cervantes, rúa da Acibechería, praza da Inmaculada, Arco de Xelmírez (no caso das persoas a pé) ou rúa das Dúas Portas-Rúa de San Francisco (no caso dos Xenerais da Ulla) e Obradoiro.

 

Presentación deste desfile promocional que terá lugar en setembro.

 

“Trátase dunha oportunidade única para coñecer os diferentes entroidos galegos, que unha vez ao ano se reúnen para amosar os seus personaxes máis característicos”, resaltaba Nava Castro na presentación. Esta iniciativa, engadía, pretende dar a coñecer e poñer en valor unhas das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar aos milleiros de turistas a variedade desta xenuína tradición, animándoos a coñecela no inverno.

Artigos relacionados

Back to top button