SanidadeÚltima hora

As matronas do HCV manifestan a súa “repulsa” polo peche do paritorio de Verín

Piden que se dea "un paso atrás na decisión, que reabran os servizos, que sempre será unha medida recoñecida pola poboación e polos profesionais"

Entrada principal ao Hospital Comarcal Valdeorras.

As matronas do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), no Barco, veñen de manifestar a través dun comunicado á súa “máis enérxica repulsa” ao peche do paritorio do Hospital de Verín “polo que supón para as mulleres e familias deste municipio e da súa area, ao ter que desprazarse nun momento tan delicado e imprevisible lonxe dos seus domicilios e do seu entorno, tendo moi en conta como pode repercutir todo isto no desenvolvemento fisiolóxico do proceso do parto”.

Tamén manifestan o seu “máis sincero apoio as/os profesionais que desenvolven as súas actividades en relación coa atención ao parto; quen acompañamos ás mulleres nos seus partos sabemos que a calidade ten que ver con números que midan dita calidade, non coa cantidade, e as mulleres e familias tamén o saben. Nós, tamén matronas dun comarcal, sentímonos especialmente ofendidas polas afirmacións vertidas respecto á perda de habilidades e desaprobamos ese discurso insostible e mal argumentado”

As matronas do HCV dinlle aos “responsables de tal medida, aos que se lles enche a boca coa verba “calidade”, que a calidade, non a tiveron en conta a hora de ditar o peche e ignorar totalmente as recomendacións vixentes na atención ao parto. Son vostedes uns descoñecedores do proceso de parto ao afirmar que é algo previsible, que tarda unhas horas e da tempo ao desprazamento. ¡Como se nota que vostedes falan dende os despachos! Nós, os profesionais, con moitos anos de experiencia, seguimos sen ter a bola de cristal para prever cando se vai iniciar o proceso do parto”.

E pregúntanse, entre outras cuestións, “que pasará nos casos de emerxencias obstétricas nas que a atención temperá é clave para o estado da nai e da criatura? Por certo, nestes días continuamente escoitamos falar de 70 km de distancia, isto, pode dar a impresión de que é un paseo; pois en moitos casos son máis km, e pola orografía e malas condicións das vías pódese converter o desprazamento na maioría das situacións en 1h 30 min. Só quen estamos ao pé desta atención podemos falar da repercusión que pode ter a falta de atención inmediata en determinadas situacións”, din as matronas do HCV.

Asemade as matronas deste centro sanitario aseguran que “durante os últimos días, son moitas as manifestacións de profesionais argumentando o impropio do peche de servizos con datos sobre os bos resultados na atención no Hospital de Verín; a nós, non nos cabe a máis mínima dúbida sobre eses bos resultados. Amais, nós referéndamos e apoiamos especialmente as manifestacións de Sergio González Palanca, Xefe de Sección de Obstetricia e Xinecoloxía do HCV, no que se refire aos datos no noso comarcal; estes veñen a demostrar a boa práctica e óptimos resultados sendo tamén un hospital comarcal”.

Tamén lles piden “ás mulleres que acoden ao noso servizo que sigan confiando nos profesionais que as atendemos como sempre o fixemos, farémoslles saber que continuamente seguimos actualizándonos e responsabilizándonos da atención que prestamos” e felicitan a todas as persoas da área de Monterrei “polo seu tesón na loita sempre cívica por defender servizos tan básicos para manter a saúde das mulleres e de nenos e nenas”.

Finalmente pídenlles aos responsables do peche do paritorio de Verín que “dean un paso atrás na súa decisión, que reabran os servizos, que sempre será unha medida recoñecida pola poboación e polos profesionais; téñano presente”.

 

Artigos relacionados

Back to top button