En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As Mázcaras, no escenario con Xabier Díaz, os irmáns Álvarez e as Adufeiras de Salitre nun emocionante concerto en Trives

Unhas 400 persoas asistían a esta actuación, celebrada no Patio de Santa Leonor, na que tamén cantaban noutra das pezas as Macizas Centrais

Coa “Xota de lira” concluía no Patio de Santa Leonor de Trives na noite do 17 de agosto un concerto moi especial e emocionante. Os irmáns Álvarez, naturais desta vila e criados en Manzaneda, actuaban na casa xunto a Xabier Álvarez e as Adufeiras de Salitre nun concerto que supoñía ademais a presentación na provincia de Ourense do seu segundo disco “Noró, algunhas músicais do norte”.

Neste último tema, subíanse ademais ao escenario as Macizas Centrais para poñer o broche a máis de hora e media de música tradicional na que se facía un repaso por pezas e danzas do primeiro disco deste grupo de músicos, “The Tambourine Man”, e tamén polo segundo. Facían cantar e bailar ao público co “Pasodobre das Costureiras” (cun concurso de baile incluído no que Manolo Durán e a súa dona, chegados dende A Rúa, ganaban un disco) ou con “O baile de Noró”.

Outro dos momentos máis especiais da noite chegaba con “Unha fala e un cantar”, unha canción incluída en Noró na que, como dicía Javier Álvarez presentándoa, faise un “guiño ao toque do fulión de Manzaneda”, e na que se subían ao escenario dúas Mázcaras do Entroido deste concello ourensán, Rubén Hervella e Franc.

Era unha noite ademais chea de agradecementos, entre eles ao Concello de Trives por apostar pola música popular nun concerto ademais que reunía a máis de 400 persoas (a meirande parte delas de Trives e Manzaneda), pero tamén a xente como Reme e aos pais de Javier e Gutier Álvarez, Ricardo e Lina, aos que Díaz lles adicaba precisamente “Xota de Lira”.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button