En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As Mázcaras despregan o seu baile polas rúas de Manzaneda

Esta vila era escenario na mañá deste Martes de Entroido dun desfile no que participaban oito folións

Coa tradicional petición de permiso en verso (desta volta solicitada polo Fulión de San Martiño) e co plácet do representante de Manzaneda, daba comezo pasadas ás once e media da mañá deste 5 de marzo o desfile de folións que se celebraba cada Martes de Entroido en Manzaneda.

Soaban as cornas e, tras delas, os bombos, sachos e aixadas e comezaba unha longa ronda pola vila, con visitas á residencia da terceira idade, que concluía arredor das dúas xunto ao polideportivo. Tras o fulión de San Martiño, viñan o dos Labregos e o da Caniceira (Trives), logo o de Langullo-Parroquia de Cesuris (Manzaneda), As Maceiras e A Lardeira (Trives), o da Mourela p’acá (Manzaneda) e, finalmente, pechando a comitiva, o da Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.

Durante o percorrido contábase cun operativo de Protección Civil no que participaban voluntarios da agrupación de Manzaneda, da Rúa e de Petín.

Esta sonora e colorista comitiva tradicional daba paso a partir das dúas a un xantar popular organizado polo Concello de Manzaneda no polideportivo coa asistencia dunhas mil persoas. O xantar era servido por Mantesil e o seu menú incluía empanada, chourizos e carne ao caldeiro con cachelos, xunto con bebidas e bica na sobremesa.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button