EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

As medidas do Brexit e as exportacións ourensás, nun webinario da CEO

A xornada en liña contou con máis de 70 participantes das catro provincias galegas

A presidenta da CEO, durante o webinario.

 

Os últimos datos dispoñibles do fluxo de mercadorías desde a provincia ourensá ao Reino Unido reflicten un descenso do 38,5%, comparando os datos de xaneiro deste ano cos rexistrados no mesmo mes de 2020, cando a pandemia aínda non causara restricións en Europa e o acordo do Brexit negociábase en Bruxelas. “Este acordo de saída do Reino Unido da UE, responsable en gran medida desta baixada, fíxose efectivo, ademais, no peor momento da pandemia, outro factor que afectou tamén á caída das exportacións. Reino Unido é o terceiro país destinatario da exportación ourensá, tras Portugal e Francia, e ocupa o quinto lugar se esta internacionalización é a nivel nacional”, tal e como se indica dende a Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

O ICEX desagrega esta comparativa en 4 grupos de bens e servizos: agroalimentario, bebidas, bens de consumo, e produtos industriais e tecnoloxía. Cabe destacar que dentro da primeira referencia non están incluídos os viños, -único compoñente do grupo de bebidas-, que sufriron un descenso do 92%, pasando de exportar por valor de 213.680 euros o primeiro mes de 2020 a tan só 1.615 euros en xaneiro deste ano.

O sector e as Pemes agroalimentarias ourensás exportaron o pasado mes de xaneiro a este país (co acordo do Brexit xa en vigor desde o primeiro día do ano) un total de 855.000 euros en produtos, un 10% máis que no mesmo mes de 2020 (776.820 euros). Dentro deste grupo o maior aumento prodúcese no apartado de ‘produtos cárnicos e os seus derivados’ cun incremento do 67,1%, pasando dos 472.780 euros de 2020 aos 789.910 de 2021, cantidade esta que supón o 92% do total das exportacións deste grupo, tal e como expón a CEO.

Os outros dous grupos da análise, bens de consumo e produtos industriais e tecnoloxía, lanzan tamén descensos nas súas exportacións entre os dous meses mencionados, dun 92’6 e un 39’5 por cento, respectivamente. No primeiro deles destaca o descenso de exportacións de moda ao Reino Unido, que é do 93,7%, mentres que no segundo a pedra natural da provincia e as súas manufacturas reduciron as súas vendas ao país británico nun 55,9%.

En conxunto, todas as exportacións ourensás incluídas nestes 4 apartados sufriron un descenso do 38,5%, pasando dun volume de venda de 9.827.990 a 6.041.220 euros.

 

O ponente, Rafael Ortega.

 

O webinario ‘As implicacións do Brexit no comercio de mercadorías’

Este novo escenario na exportación ourensá cara ao país británico, ocasionado a raíz do Brexit, propiciou a organización dun seminario en liña por parte da CEO coa colaboración de Abanca e Icex e no que o conselleiro da oficina económica e comercial de España en Londres, Rafael Ortega, analizou as consecuencias para as pemes que trouxo consigo o divorcio entre o Reino Unido e a UE.

O webinario ‘As implicacións do Brexit no comercio de mercadorías’ desenvolveuse na mañá de hoxe venres, contando con máis de 70 participantes conectados desde as catro provincias galegas e de empresas de multitude de sectores entre os que destacaron téxtil, lousa, educación, viños, electromecánica, geotermia, alimentación, metalmecánico… actividades que sen dúbida se viron afectadas por estas novas medidas na exportación de bens e servizos.

A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, aproveitou a presentación da xornada para destacar que “a exportación terá de novo un papel de vital importancia na recuperación económica” e avanzou que “a CEO, a tenor destes últimos datos, intensificará o seu labor de apoio á internacionalización neses sectores que máis están a reducir o seu comercio internacional co Reino Unido mediante accións concretas ao longo dos próximos meses”.

Pola súa banda, Rubén Saavedra, director territorial de Abanca destacou a importancia de seguir avanzando e manter a actividade nestes tempos, ademais de apostar pola colaboración a tres bandas que deu lugar a xornada en liña desta mañá, así como “apoiar desde entidades como a nosa ás empresas na xestión deste cambio tan profundo que supuxo o Brexit”.

 

Algúns dos asistentes ao webinario.

 

Rafael Ortega traballa na oficina do Icex en Londres, polo que a súa achega neste webinar foi enfocada directamente á problemática das empresas e o seu fluxo comercial con este país desde o 1 de xaneiro deste ano, día en que entrou en vigor o acordo de separación de Reino Unido e a Unión Europea; un acordo que puxo fin á liberdade de mobilidade de persoas, bens, servizos e capitais entre este país e o conxunto da UE.
Ao comezo da exposición Ortega destacou as vantaxes do mercado británico, non só pola súa poboación de 66 millóns de habitantes, e a renda alta de boa parte deses habitantes, senón tamén pola familiaridade que teñen cos produtos españois en xeral e porque as empresas do noso país están moi ben valoradas.
Destacou tamén que no Reino Unido o comercio en liña está moi desenvolvido, e é un país que valora os produtos orientados cara á sustentabilidade, a saúde e a innovación. Ademais, para facer negocios o Banco Mundial sitúao no posto 8º da Guía Doing Business. Estas son en definitiva as razóns de peso en canto a vantaxes deste mercado.

Artigos relacionados

Back to top button