OurenseÚltima hora

As melloras da estrada de Seixalbo xa están licitadas por 800.000 euros

As empresas interesadas teñen até o 7 de marzo para presentar as súas propostas
As melloras contemplan un total de 1,5 quilómetros.

A Xunta de Galicia publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras de mellora integral da estrada OU-105, en Seixalbo, que contará cun investimento de case 800.000 euros.

As empresas interesadas en presentar ofertas para levar a cabo esta actuación teñen de prazo ata o vindeiro 7 de marzo para presentar as súas propostas, informan dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asegurou que con este proxecto “acadamos o que outros gobernos municipais non foron capaces nin de pedir”. Neste senso recalcou que a administración que el dirixe “atendemos ás peticións formuladas polos veciños e llas trasladamos á Consellería de Infraestruturas, para que sexa a administración competente que asuma as obras”.

Esta mellora “busca optimizar a circulación dos peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños”, apuntan dende a Consellería. Así, acometerase unha actuación nun treito de 1,5 quilómetros, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseada na mellora da mobilidade peonil e na reordenación do tráfico.

En concreto o proxecto contempla unha actuación no cruce de acceso a Seixalbo, habilitando dous carrís centrais de agarda e dotarase a zona de aparcadoiros. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, para a maior seguridade dos mesmos. Tamén van dispor pasos de peóns, con semáforos con pulsador e con iluminación específica. E, finalmente, habilitarán un carril para bicicletas e mellorarán as beirarrúas.

Esta obra súmase á mellora da Avenida de Otero Pedrayo, entrada á cidade pola estrada de Trives (OU-536), na que a Xunta investirá 2 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button