OurenseÚltima hora

As melloras da OU-105, ao seu paso por Seixalbo, terán un custo de 900.000 euros

A Xunta prevé contratar os traballos antes de que remate o ano. Así o anunciaron na xuntanza de traballo mantida hoxe no Concello
Xuntanza de traballo na Alcaldía de Ourense.

A Alcaldía do Concello de Ourense acolleu hoxe, 31 de xullo, un encontro de traballo entre o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI),   Francisco Menéndez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, no que abordaron a mellora integral da estrada OU-105, ao seu paso por Seixalbo, cun investimento de 900.000 euros, cuxa contratación dos traballos comezará antes de que finalice o ano.

Menéndez trasladoulle ao rexedor municipal que hoxe o Goberno galego “deu un paso máis para avanzar nesta ambiciosa actuación, ao publicar no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o proxecto”. A partir de mañá, as persoas que o desexen poderán facer chegar as súas consideracións durante un período de 15 días hábiles. Concretou que no outono o Consello da Xunta aprobará o decreto de utilidade pública co obxectivo de iniciar a contratación dos traballos.

O director da AXI subliñou que se trata “dun proxecto moi importante, dialogado e acordado co Concello e cos colectivos veciñais”, que consistirá nunha actuación completa nun treito de 1,5 km, entre a zona do tanatorio e onde finalizan as vivendas, baseada na mellora da mobilidade peonil da zona, na reordenación do tráfico e no reforzo do firme.

Para mellorar a accesibilidade a Seixalbo levarase a cabo unha actuación na intersección existente coa rúa Igrexa e construirase unha glorieta no camiño de Zaín, que tamén dá acceso ao citado núcleo. Ademais habilitaranse carrís centrais de espera para permitir os xiros cara a esquerda con máis seguridade, e dotarase a zona de aparcadoiros en liña.

En canto ao fomento da mobilidade peonil, disporanse 3 pasos de peóns, dotándoos cos correspondentes semáforos con pulsador e de iluminación específica. As paradas de autobús existentes adecuaranse e recolocaranse despois dos pasos de peóns, de modo que ao baixar do bus este non reste visibilidade sobre o paso, tal e como ocorre agora.

Este proxecto tamén contempla a execución de novos treitos de beirarrúas e a reparación das existentes, adaptándoas tamén á normativa de accesibilidade. Ademais, construirase unha senda ciclista sentido subida ao longo de todo o treito.

Plan de mellora da OU-105. 

 

Artigos relacionados

Back to top button