ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

As melloras nas conexións ferroviarias, na asemblea xeral do Eixo en Maia

Na xuntanza esta entidade transfronteiriza, que preside o alcalde do Barco, aprobaba o orzamento para este exercicio que ascende a 4.652.722 euros

A localidade portuguesa de Maia convertíase na mañá do 23 de febreiro en escenario da asemblea xeral do Eixo Atlántico. No decurso desta xuntanza aprobábase un segundo paquete de infraestruturas que complemente a liña do Minho xa en obras ou en proceso de contratación con prazo de finalización finais de 2019 e as conexións pendentes na parte galega.

Entre esas infraestruturas figuran as conexións ferroviarias dos portos, como eixos principais en Galicia que complementen a saída sur de Vigo e a “T deitada”, Ourense-Lugo, Monforte-Palencia sobre os cales xa vén traballando con ambos os ministerios desde fai máis dun ano.

“No caso concreto do tramo Ourense-Lugo e unha vez que xa están en curso os procedementos para a súa electrificación e supresión de pasos a niveis, así como que en breve se abrirá ao servizo a variante da Pobra de San Xiao exporase ao Goberno as variantes de Monforte Rubián e Os Peares sen as cales non haberá mellora dos tempos”, segundo se indica dende o Eixo Atlántico, entidade transfronteiriza que preside o alcalde do Barco, Alfredo García.

A asemblea do Eixo, que contou coa participación do ministro de Ambiente do goberno portugués, Matos Fernandes, no acto de peche, aprobou o programa para 2018 e un orzamento que ascende a 4.652.722 euros.

Entre as principais actuacións do programa aprobado destacan o desenvolvemento do plan de acción da Axenda Urbana aprobada no Congreso de Braga, que constituirá un excelente catálogo de accións para candidatar aos fondos comunitarios.

No encontro acordábase ademais, entre outros temas, o impulso á política de cohesión no ámbito europeo a través da Rede C4C (cidades pola cooperación) da que forma parte o Eixo Atlántico. Neste ámbito aprobouse apoiar o desenvolvemento da cooperación transfronteiriza en América Latina a través das organizacións que pediron asesoramento ao Eixo Atlántico: Bripaem, Observatorio de Fronteira Uruguai Arxentina.

A asemblea do Eixo elixiu á nova comisión executiva, da que forman parte os seguintes membros: Alfredo García (O Barco de Valdeorras), Abel Caballero (Vigo), Miguel Lores (Pontevedra)-vicepresidente da asamblea-, Xulio Ferreiro (A Coruña), Jesús Vázquez (Ourense) e Lara Méndez (Lugo).

Na parte portuguesa a comIsión executiva está integrada por Julia Rodrigues (Mirandela), Domingos Bragança (Guimarães), Rui Moreira (Porto), Hernâni Dias (Bragança), Luisa Salgueiro (Matosinhos) e Ricardo Rio (Braga), como novo preside da asemblea.

 

Artigos relacionados

Back to top button