CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

As mil e unha caras do medo, contadas por Ángeles Goás no Barco

Esta narradora oral de Abadín actuaba no VI De Perto co espectáculo “O medo é libre”

Hai perigos imaxinarios e outros máis reais que nos fan sentir medo. É unha sensación que se ten xa dende a infancia e que vai mudando co paso dos anos, pero non desaparece. E arredor dela ía tecendo un feixe de relatos, cun fino fío de humor, Ángeles Goás na tarde do 3 de xullo na Sala Julián Trincado (Casa Grande) do Barco.

Historias de vida, experiencias propias da súa nenez en Abadín (Lugo) como o medo ao non ser aceptada, o de randearse ou o de facer a primeira comuñón nunhas circunstancias un tanto comprometidas. E outras que foi xuntando, como a historia do Camilo que, con astucia, venceu ao xigante e que a súa avoa “Mamá Flor” contoulle de nena en dúas noites “porque na primeira adormecín”. Ou a do Marcial, que lle escoitou ao seu pai.

Había tamén relatos que lle chegaron en situacións tan curiosas como un velorio e que falan do medo á perda do material, á morte ou mesmo a non ter aproveitado a vida, como a de Paquita. Con esta última historia inzada de esperanza e cun desexo moi especial finalizaba a súa sesión de contos dentro do ciclo “De Perto” na tarde do 3 de xullo no Barco. Un desexo prendido a eses contos transmitidos: “o medo é libre, pero ten a liberdade que nós queiramos darlle”, concluía Goás.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button