Nun dos puntos máis orientais de Galicia e na cara norte do Macizo de Pena Trevinca estaba situado o Destacamento Penal das Minas de Wolfram de Valborrás en Casaio (Carballeda de Valdeorras). Entraba en funcionamento en setembro de 1942 e cesaba a súa actividade a principios de xullo de 1944. Apenas dous anos nos que redimían nel as súas penas polo traballo unhas 463 persoas, ex-combatentes republicanos da Guerra Civil, chegados dende diferentes puntos de España.
Sobre a evolución histórica deste destacamento e a súa relación coa explotación das minas de wolfram xirará unha xornada temática que se celebrará o vindeiro 19 de setembro no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. A actividade enmárcase dentro dos “Encontros monográficos co Patrimonio” e comezará a partires das 17h. coa proxección do documental “Lobos sucios” do director rues Felipe Rodríguez.
De seguido, o investigador do CSIC Isidro García Tato, natural de Viladequinta (Carballeda de Valdeorras), impartirá unha ponencia sobre o citado destacamento eixo central dun dos seus últimos libro de case 800 páxinas. Empezou a traballar nel xa ao ano 2001 estando en Ourense, onde no Arquivo Histórico Provincial comezou a indagar, a revisar e a investigar unha serie de documentos sobre o destacamento penal de Casaio. Tras a súa intervención darase paso a un debate entre os asistentes.