En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As mozas empresarias, protagonistas do Día da Muller en Trives

O acto central do programa tiña lugar na tarde do 8 de marzo no Auditorio con proxeccións de vídeos, unha mesa redonda e danza tribal

Poñer en marcha un proxecto empresarial ou darlle continuidade a un xa existente no rural e sendo muller segue sendo un auténtico reto. Así o expoñían catro mozas empresarias trivesas no decurso do acto organizado dende o Concello da Pobra de Trives con motivo do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo.

Esta actividade tiña lugar na tarde dese mesmo día no Auditorio Julio Vázquez da vila coa asistencia de numerosas persoas. Abría as intervencións a concelleira de Cultura, Muller e Igualdade, Isabel González Fandiño, e seguidamente e tomaba a palabra a directora do CIM (Centro de Información á Muller), Susana Gómez González.

A continuación, proxectábanse vídeos de catro exemplos de mulleres emprendedoras de Trives, ás que se lles fixo unha entrevista onde puideron explicar as súas experiencias e vivencias persoais nos seus traballos, no seu día a día. Tratábase de Xiana Domínguez, da adega Chao do Couso, de Sayoa Caneda de Panadería Caneda, de Mónica Álvarez de Trivesport e de María José Carballo, apicultora e horticultora.

Tras a proxección, tres delas (Xiana, Sayoa e Mónica) subían ao escenario para compartir directamente co público as súas vivencias en relación coa súa actividade empresarial respondendo ás preguntas que lle ía plantexando Susana Gómez. Xurdía así un interesante diálogo, moi ameno e ata en certos momentos divertido. Finalmente, interviña tamén a encargada da asesoría xurídica do CIM para honrar a todas as mulleres polo seu traballo.

O acto pechábase de forma festiva con música e baile, da man de Mónica Álvarez que executaba unha coreografía de Danza Tribal.

Fotos: Concello de A Pobra de Trives.

Artigos relacionados

Back to top button