En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As novas piscinas de Carballeda de Valdeorras abren ao público

Son naturais, están feitas con cantos rodados e utilizan auga do río sen ningún tipo de produto químico

Despois de dous anos Carballeda de Valdeorras recupera as súas piscinas. Dende mañá, sábado 7 de xullo, de 12:30 a 20:30h. os veciños do municipio e de toda a comarca poderán volver a desfrutar delas, iso si, dun xeito diferente.

En lugar da típica piscina con azulexo e auga clorada, o Concello de Carballeda apostou por un novo concepto. “O que abrimos mañá é o que houbo toda a vida, simplemente cambiamos o sistema e de ser unhas piscinas tradicionais pasaron a ser unhas piscinas naturais con auga do río que entra por un lado e a través de canais feitos a man pedra a pedra, volve ao río en forma dunha pequena pincheira por un voladizo de lousa”, explica a alcaldesa, Mª Carmen González, orgullosa do resultado.

Faltan pequenos detalles como algún mobiliario máis, rematar as beirarrúas ou pechar os accesos, pero que non impiden o uso da instalación. O máis característico deste novo espazo “naturalizado” e moi preto do centro de Sobradelo, é a ausencia de produtos químicos na auga, así como o leito de cantos rodados extraídos da zona, da piscina e dos canais que unen a grande de (1,60m. de profundidade) e a dos cativos (con 40 cm. de auga segundo a normativa).

 

A alcaldesa de Carballeda, Mª Carmen González, amosando as novas piscinas.

 

Tamén chama a atención a ausencia de céspede. “Quixemos facer unha especie de praia interior con are pensando nos máis pequenos, para que poidan xogar, o que tamén facilitará o mantemento en caso de que o río a leve durante o inverno, será cuestión de repoñela”, explica Mª Carmen, facendo fincapé no uso de materiais da zona, tanto os cantos rodados, como a lousa para o gavións que serven de muro de contención e ao mesmo tempo de asento na parte alta e incluso o granito para o pontón que atravesa o canal (polo que pasa a auga, do río á piscina grande, despois á pequena e finalmente de novo ao río), “un espazo no que estou segura de que xogarán os máis pequenos”.

Mantendo o concepto natural do proxecto, na zona de entrada da auga hai un pequeno estanque con plantas acuáticas que “tecnicamente favorecen a depuración natural da auga”, puntualiza a alcaldesa, adiantando que este ano a entrada ás instalacións serán de balde. “Como aínda estamos en obras pensamos que sería bo agasallar e convidar aos veciños da comarca a que anos visiten”. E é que as piscinas que mañá abren ao público forman parte dun complexo deportivo moito máis completo na parte superior do espazo que incluirá outras dúas piscinas urbanas e con auga salgada, un jacuzzi e un edificio que albergará os vestiarios definitivos, entre outras cousas. Un proxecto total que supera os 900 mil euros financiado integramente polo Concello de Carballeda con fondos propios.

De momento hai todo o necesario para desfrutar dun día de pisicina: vestiarios (masculino e feminino con taquillas), auga, area e ata tumbonas con parasoles.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button