PolíticaÚltima hora

As Novas Xeracións inauguran a súa Escola de Formación con Feijóo como anfitrión

O presidente dos populares galegos reivindicou que a xente nova da nosa comunidade é “inconformista, ambiciosa, dinámica, tolerante e aberta”

A Escola de Formación de Novas Xeracións da cidade de Ourense celebrou hoxe, 2 de febreiro, a súa primeira xornada na que participaron o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo e o presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar.

Feijóo arrancou o seu discurso asegurando que a mocidade ten “a oportunidade e a responsabilidade de devolver a confianza na política”.

O presidente recoñeceu que a recesión económica “trouxo consigo unha crise da confianza nos cidadáns coa que se popularizaron formas de facer política binarias e moi prexudiciais como son os populismos”. Pero Feijóo manifestou que “isto debe servir como un incentivo para a esperanza”.

Nese senso, felicitou aos mozos de Novas Xeracións de Ourense por organizar actos deseñados e pensados para a xente nova, demostrando que en Galicia “hai iniciativas que defenden a política con maiúsculas”.

Segundo indicou, a política consiste tamén “en ilusionar aos cidadáns e implicalos na construción dun proxecto común”, polo que se debe consolidar un proxecto que una a sociedade galega. Nesta liña, recordou que o PPdeG é un partido grande porque sempre tivo a vocación de sumar e “incidir na formación política é fundamental para recordarnos a importancia de seguir sumando”.

Así mesmo, salientou que o novo centro de Formación de Novas Xeracións dará importantes ferramentas políticas e ideolóxicas para esa mocidade que non cala ante o pensamento único posto que “gañar a batalla dos votos importa pouco se perdemos a batalla das ideas”.

Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que a xuventude galega “é coma Galicia”: inconformista, ambiciosa, dinámica, tolerante e aberta. Por iso, fixo fincapé en trasladar “que no PPdeG non só hai mozos e se teñen ideas axeitadas para eles, senón que tamén se traballa por un futuro para a xente nova”.

Feijóo lembrou que na última campaña electoral os populares dixeron que ían traballar por todos e cada un dos mozos galegos “porque, ante todo, o PPdeG é un partido de palabra”. Nese senso, sinalou que, tal e como se prometeu, “trouxéronse os dous primeiros quirófanos híbridos de España á Coruña e Vigo; estendeuse o plurilingüísmo a Infantil e Bacharelato e avanzouse na implantación de materias como Programación ou Robótica; facilitouse que se sigan batendo récords de visitantes; tróuxose a Galicia a primeira incubadora de proxectos de investigación farmacéutica de Europa e profundouse na Compra Pública Innovadora; e dispoñemos dun novo Plan de captación de investimentos e unha Lei para facilitar que os proxectos empresariais arraiguen na Comunidade”.

Para rematar, o líder dos populares galegos dirixiuse aos mozos presentes asegurando que se están sentando os cimentos da Galicia de mañá. Por este motivo, pediulles que sigan tendo o valor de pensar distinto; que defendan unha política de ideas, non de nomes; que non deixen de formarse e aprender; e que sigan reivindicando a importancia dos principios e a coherencia na política así como a súa forma de entender a nosa terra.

Fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button