SanidadeÚltima hora

As obras do Centro de Saúde do Couto están pendentes dun pasamáns

O groso da urbanización da contorna está practicamente rematado e será “cuestión de días ou horas” que se recepcione a obra ao Concello e lle poidan conceder a licenza de apertura
O alcalde visitou con técnicos as obras do Centro de Saúde do Couto. // Foto: Carlos Asensio.

As obras de urbanización do Centro de Saúde do Couto están a piques de rematar. “Só falta colocar as árbores e un pasamáns de aceiro”, aseguraba na mañá de hoxe, 27 de outubro, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, nunha visita con técnicos a este área para determinar o estado das mesmas.

O rexedor municipal asegurou que a media ducia de árbores que estaba previsto que se instalasen na contorna non se fixo xa que “estes períodos de seca poderían facer que morresen”, dixo. Asemade, están a agardar por ese pasamáns “de aceiro cortén de deseño”, dixo o alcalde, que están á agarda de que llelo manden de fábrica. Asemade, informou que houbo unha pequena complicación coas luminarias “o que provocou un pequeno retraso”, dixo, pero xa está solucionado. “O resto da obra está completamente finalizada”, reiterou.

En canto á apertura do Centro de Saúde, Vázquez aseverou que “iso non me corresponde a min dicilo” pero asegurou que “pode ser cuestión de días ou horas para a recepción da obra” e logo diso procederase a conceder a licenza de apertura.

En total esta obra, que abrangue 3.000 metros cadrados, contempla 600 metros de zonas axardinadas, está dotada con 17 prazas de aparcamento, catro para discapacitados e dúas para ambulancias. En total a obra tivo un custo de 500.00 euros.

Artigos relacionados

Back to top button