OurenseÚltima hora

As obras da Alameda da Ponte, en Ourense, licitaranse no primeiro cuadrimestre do 2018

Cun investimento de case 270.000 euros, a Xunta asumirá o custo a través do programa “hUrbe”
Beatriz Mato e Jesús Vázquez na sinatura do convenio.

As obras de reforma e adaptación da Alameda da Ponte, en Ourense, licitaranse no primeiro cuatrimestre de 2018, tras a sinatura na mañá de hoxe, 22 d xaneiro, do texto do convenio de colaboración. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, asinaron dito documento, autorizado polo Consello da Xunta en decembro, polo que se permite a execución das obras de reforma e adaptación da Alameda da Ponte, ás que se destina unha partida de case 265.000 euros para a execución das obras.

Trátase dunha nova actuación a cargo do Plan “hUrbe”, posto en marcha pola actual Xunta en 2010, que ten entre os seus obxectivos mellorar as contornas urbanas, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas, co fin de revitalizar o territorio e o reequilibrio territorial.

O proxecto de reforma e acondicionamento propón a recuperación dunha zona moi singular na Cidade das Burgas, como é a Alameda da Ponte, que presentan “un estado de abandono dentro do crecemento urbano dirixido en beneficio doutros espazos máis recoñecidos da ordenación actual”, informaron dende a Xunta. Dende o executivo galego resaltaron que é necesario intervir “para fomentar o seu uso por parte dos veciños tanto na comunicación e accesibilidade peonís como nun marco baseado no descanso urbano dentro do tempo de lecer dos mesmos”.

Con esta intervención búscase recuperar a zona oeste, que forma cuberta axardinada das propiedades (baixos comerciais) existentes na súa parte inferior, a cota do viario inferior, con grandes problemas de filtración de auga. A actuación tende a reparar, ou substituír nos puntos necesarios, o elemento de peche, cornixa e balaustrada, así como solucionar a ausencia de medidas de protección regulamentaria, fronte a caída, ben como diversas accións encamiñadas a arranxar instalacións, equipamento e mellora das condicións de accesibilidade.

En definitiva, prevese unha nova colocación de mobiliario urbano e equipamentos, a impermeabilización da zona oeste da actuación, a rehabilitación da fonte, a reparación do peche da marquesiña e o seu axardinamento.

Artigos relacionados

Back to top button