ConcellosO BarcoÚltima hora

As obras da Avda. do Bierzo, no Barco, licitaranse en marzo cun investimento de preto de 815.000€

O alcalde do Barco, Alfredo García, reuníase por videoconferencia coa consellería de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez

 

No vindeiro mes de marzo a Xunta licitará as obras de humanización da avenida do Bierzo, no Barco de Valdeorras, que contarán cun investimento de preto de 815.000 euros. Así llo avanzaba ao alcalde barquense Alfredo García, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na reunión mantida telemática na mañá deste 2 de febreiro, na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén

A titular de Infraestruturas e Mobilidade presentoulle ao rexedor barquense o proxecto de renovación desta avenida, co que se busca “mellorar a accesibilidade e humanizar a súa contorna” e que a Xunta prevé licitar en marzo para comezar as obras no verán, contando cun prazo de 8 meses para a execución dos traballos.

Segundo informou a conselleira, a actuación afectará aos primeiros 655 metros da estrada autonómica OU-622, o treito da vía cun carácter máis urbano, para reforzar a seguridade e facer máis humana e accesible a súa contorna. Así, para conseguir este obxectivo, “mellorarase a accesibilidade nas pontes situadas no inicio da estrada autonómica: do punto quilométrico 0+000 ao 0+200, para salvar a vía ferroviaria; e do quilómetro 0+275 ao 0+290, para salvar o río Cigüeño”, explicou Vázquez.

 

Reunión telemática do alcalde do Barco coa conselleira de Infraestruturas.

 

Ademais, incrementarase o ancho da beirarrúa na marxe esquerda, na medida en que sexa posible, coa fin de “mellorar a mobilidade para o tránsito peonil dos veciños, así como a accesibilidade aos edificios localizados na zona, que na actualidade dispoñen de accesos con importantes desniveis”. Tamén a partir do punto quilométrico 0+320 e ata o 0+655 ampliarase o ancho das dúas beirarrúas. Tamén se reordearán os usos da avenida do Bierzo no seu treito central, en canto ao tráfico peonil, de vehículos e zonas de estacionamento.

Ethel Vázquez fixo especial fincapé en que “con este proxecto se mellorarán as condicións de seguridade viaria no contorno do colexio Divina Pastora, así como nas rutas de chegada dos cativos ao colexio, distanciando o tráfico rodado da zona de tránsito”. Destacou que a actuación prevé tamén a “renovación das infraestruturas de abastecemento e saneamento que discorren por ambas as marxes e que presentan un grado de deterioro importante debido ao paso do tempo”. Neste sentido, e tendo en conta que se levarán a cabo melloras de servizos que son de competencia municipal, como o saneamento, o abastecemento, a iluminación e a semaforización, a conselleira solicitou a “implicación do Concello para cofinanciar eses servizos municipais ou, no seu caso, que asuma a titularidade do treito”.

Artigos relacionados

Back to top button