OurenseÚltima hora

As obras da Intermodal de Ourense arrancarán no verán

A primeira fase contempla a construción da terminal de autobuses e o aparcadoiro subterráneo
Ethel Vázquez, Jesús Vázquez e Manuel Baltar. // Foto: Carlos Asensio.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o presidente da Deputación, José Manuel Baltar; e o alcalde, Jesús Vázquez, informou da licitación hoxe das obras da nova estación de autobuses intermodal da cidade, que comezarán no verán, cun investimento de máis de 4 millóns de euros.

O Goberno galego segue avanzando nos trámites necesarios para a execución da nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, que contará con 13 dársenas de operación e 3 dársenas de regulación; cun edificio de máis de 700 metros cadrados construídos, para albergar os diferentes servizos: venda de billetes, consigna, oficinas, aseos.

Ethel Vázquez salientou que se está a traballar no desenvolvemento da primeira fase desta actuación, que comprende a construción da terminal de autobuses e do aparcadoiro subterráneo, por importe de máis de 11 millóns de euros. Adif executará as obras correspondentes ao aparcadoiro, con dúas plantas con 300 prazas, que darán servizo ás terminais de autobuses e de ferrocarril e permitirá unha reodernación da actual praza da estación, cun investimento de arredor de 7 millóns de euros, achegando a Xunta 3,9 millóns de euros e Adif o restante.

Durante a execución do mesmo habilitarase un aparcadoiro provisional en parte do espazo que ocupará a futura terminal de autobuses.

Nunha 2ª fase, que desenvolverá o Ministerio de Fomento, levarase a cabo a adaptación da terminal de ferrocarril e as actuacións para mellorar a integración urbana e a conexión transversal cos barrios da Ponte e do Vinteún.

Na zona amarela habilitarase o aparcadoiro provisional.

Artigos relacionados

Back to top button