ConcellosO BarcoÚltima hora

As obras de mellora da rúa Calabagueiros do Barco concluirán a finais de xuño

 

Para finais de xuño prevese o remate das obras de mellora da rúa barquense de Calabagueiros, que está cortada dende o seu acceso pola rotonda de Calabagueiros. Este proxecto retomábase a finais de maio no tramo que vai dende o IES Lauro Olmo ata o entronque coa rúa Mariñán, xunto ao campo de fútbol. “Aí o que estamos facendo é conectar a parte de obra que se fixo no seu día, na esquina do IES Lauro, coa rotonda. Paramos aí cando se inicou a obra non tiñamos claro como ía quedar a rotonda, xa que aínda no tiñamos o proxecto definitivo”, explica o alcalde do Barco, Alfredo García.

Esta intervención suporá deixar un pouco máis estreita a beirarrúa da zona do campo do fútbol “porque aí vai quedar unha zona de aparcamento Queda unha beirarrúa de máis de 2 m e deixamos ese aparcamento un pouco máis ancho por se aparcan aí os autobuses que veñen ao fútbol, ás probas de atletismo, etc. E pola outra marxe manterase a mesma estrutura que trae dende a rúa Coruña e conectámola coa rotonda”, explica o rexedor barquense.

Ademais a obra tamén suporá melloras en servizos como o saneamento e cambios con respecto aos pasos de peóns existentes ata agora. “Facemos un paso de peóns máis, na saída do pavillón, que iría fronte á rampa de accesibilidade para discapacitados do polideportivo. Ademais imos mover cara adiante a barca que está zona axardinada para que o paso de peóns da avenida de Galicia conecte de forma directa, e sen ter que dar a volta que agora hai que facer, co paso de peóns que cruza cara a rúa do campo de fútbol. Iso farao o Concello, posto que no momento no que se fixo o proxecto non estaba aínda esa rotonda e eses datos aínda non os tiñamos”, explica o alcalde do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button