OurenseÚltima hora

As obras de mellora integral da estrada de Seixalbo iniciaranse este verán

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, reuníronse cos veciños deste núcleo rural para explicarlles o proxecto
Jesús Vázquez e Ethel Vázquez canda aos veciños de Seixalbo./ Foto: Carlos Asensio. 

Os representantes das distintas asociacións veciñais de Seixalbo mantiveron hoxe, 25 de xaneiro, unha xuntanza de traballo co alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e coa conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, na que falaron do inicio, este verán, das obras de mellora integral da OU-105, que atravesa este núcleo rural, e que contarán cun investimento de 850.000 euros.

A conselleira explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o decreto polo que se dispón a “utilidade pública e a urxente ocupación dos terreos necesarios para levar a cabo esta mellora na seguridade viaria de Seixalbo”. Concretou que na primeira quincena de febreiro “comezarán as contratacións das obras”.

As obras contemplan optimizar a circulación de peóns, ciclistas e tráfico rodado e incrementar a seguridade viaria dos veciños. A Consellería, atendendo ás demandas dos veciños, vai acometer unha actuación completa nun treito de 1,5 quilómetros entre a zona do Tanatorio e onde finalizan as vivendas.

A isto hai que engadirlle unha actuación no cruce de acceso de Seixalbo, habilitando carrís centrais e e de agarda, e dotarase a zona de aparcadoiros. As paradas de autobús existentes vanse adecuar e recolocaranse despois dos pasos de peóns, “para unha maior seguridade dos peóns”. Os pasos de peóns levarán semáforos con pulsador e con iluminación específica. Ademais, habilitarase un carril para bicicletas e melloraranse e completaranse as beirarrúas.

A conselleira sinalou que esta obra de Seixalbo complementa a outras actuacións da Xunta, importantes para a cidade, tamén relacionadas coa seguridade viaria como a mellora da accesibilidade na avenida Otero Pedrayo, que suporá un investimento de máis de 2 millóns de euros e comezará neste 1º trimestre. Neste sentido, puntualizou que estes traballos xa están en proceso de adxudicación, coa empresa seleccionada.

 

Artigos relacionados

Back to top button