En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

As obras do plan director do HCV suporán case 1 millón de euros de investimento

Dábase a coñecer nun acto que contaba coa presenza do conselleiro de Sanidade e do xerente da EOXI ourensá, entre outras autoridades

Co fin de adaptar as instalacións do Hospital Comarcal Valdeorras, no Barco, ás necesidades asistenciais actuais a Consellería de Sanidade vén de presentar un plan director de obras que suporá un investimento de case un millón de euros, sen ter en conta os equipamentos, neste centro. Así o anunciaban o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, Julio García Comesaña, na presentación deste plan, que tiña lugar no mediodía do 26 de febreiro no propio hospital barquense.

García Comesaña comezaba lembrando que dende o 2002 non se acometía unha intervención deste tipo no centro e ía detallando, xunto ao xerente executivo do HCV, Francisco Contreras, cada unha das zonas que reformarán así como as actuacións a realizar nelas. Matizaba que nestes momentos xa están en execución ou practicamente finalizadas varias obras, entre elas a reforma do laboratorio, obras de fontanería e a área de urxencias-PAC.

Ademais o plan inclúe a reforma e ampliación do hospital de día de oncoloxía (cun orzamento inicialmente previsto de 230.000 euros), da zona de farmacia coa renovación das salas “limpas” (140.000 euros), o plan funcional de UTPR (Unidade de Traballo de Parto e Recuperación), a reforma e ampliación da área de cirurxía maior ambulatoria (150.000 euros), reforma de consultas externas (230.000 euros) coa instalación dun ascensor camilleiro, ademais da reforma do arquivo (50.000 euros), unha actuación de mellora no chan da cociña e nunha zona de frío (70.000 euros), instalacións de fontaneiría pendentes e un sistema de control e limpeza de condutos en quirófanos (90.000 euros).

O xerente da EOXI agradecía aos profesionais do hospital a súa colaboración na elaboración deste plan e pedía que continuasen aportando novas ideas. A continuación, o conselleiro de Sanidade repasaba cada unha destas actuacións de mellora e incidía en que este plan “ten que indicar cara onde queremos ir”, agradecía a implicación do equipo directivo do centro no proxecto e tamén a dos profesionais”. Con esta intervención, engadía, queremos “mellorar os servizos, pero tamén mellorar en confortabiildade e reorientar as accións de cara a potenciar áreas como a de cirurxía maior ambulatoria, a do hospital de día de oncoloxía ou a de partos”.

 

O conselleiro de Sanidade na presentación do plan director do HCV.

Vázquez Almuiña resaltaba que este plan director “xa está empezado e imos darlle a maior celeridade posible”. Ademais aludía a que estas actuacións vanse desenvolver mantendo o hospital aberto, “por iso tan importante como os proxectos vai ser a planificación das obras”.

No acto tamén se contaba coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, así como alcaldes e concelleiros do oriente ourensán. Tamén asistían profesionais sanitarios do hospital e representantes sindicais.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button