EconomíaEconomíaÚltima hora

As obras do enlace da A-52 co Polígono de San Cibrao arrancarán no verán

Este novo vial terá 4,2 quilómetros, un custo de 21 millóns de euros e suporá, segundo Ethel Vázquez, unha reducción do 66% do percorrido até a área industrial

A conselleira de Infraestruturas de Vivenda, Ethel Vázquez, visitou hoxe, 27 de decembro, o concello de San Cibrao das Viñas para dar a coñecer o proxecto de construción do novo vial “de alta capacidade”, dixo, que unirá o Polígono Industrial coa A-52 ou Autovía das Rías Baixas.

A Conselleira presentou aos empresarios deste área industrial o proxecto, que será unha construción de 4,2 quilómetros e terá un custo de 21 millóns de euros. Vázquez estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández; a tenente de alcalde deste municipio, Marta Nóvoa; e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.

O alcalde de San Cibrao expresou a súa esperanza porque esta nova estrada “impulse a competitividade das empresas instaladas no Polígono” e que tamén axude a “xerar riqueza e emprego non só en San Cibrao senón tamén á promoción económica e industrial da provincia.

A responsable de Infraestruturas da Xunta explicou que esta vía terá “dous carrís” que unirá a principal zona industrial da provincia coa A-52 á altura de Gargantós. Esta unión farase “a través dunha rotonda” baixo a autoestrada. Vázquez contou que esta estrada terá tamén “gabias e beirarrúas”. Asemade, van facer un viaduto “de máis de 500 metros”, explicou, así como catro pasos inferiores e un superior para manter abertas as vías de servizo.

Segundo confirmou Ethel Vázquez, o vindeiro 16 de febreiro rematará o prazo para que as empresas interesadas “presenten as súas propostas” con vistas a que os traballos comecen antes do próximo verán, dixo a responsable de Infraestruturas. Vázquez tamén falou de prazos, asegurando que o previsto son 24 meses “aínda que hai que contar coas inclemencias meteorolóxicas que poden atrasar ou adiantar a data de entrega, nunca se sabe”, dixo.

A conselleira salientou que esta nova infraestrutura “demandada polos empresarios” suporá unha redución de case o 66% do percorrido entre o Polígono e a A-52. Segundo a conselleira, o proceso xa está executado posto que “xa están pagados os depósitos previos ás expropiacións” e confirmou que a pasada semana, no Consello da Xunta, “autorizouse a contratación” das obras.

Por outra banda, adiantou que o pasado mércores a plataforma de contratos públicos de Galicia e o Diario da Unión Europea “fixeron pública a licitación da obra que permitirá unha maior competitividade para as empresas asentadas no Polígono de San Cibrao”. Reiterando que a construción deste vial “é un proxecto prioritario e esencial para a Xunta de Galicia para dotar de novas oportunidades a San Cibrao e ao polígono”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button