OurenseÚltima hora

As obras no exterior do Centro Integral para loita contra o lume de Toén comezarán en breve

Tras proceder á limpeza de biomasa nos arredores do centro, as seguintes actuacións pasarán pola adecuación do peche e das pistas de adestramento, así como por unha análise estrutural das instalacións

O conselleiro do Medio Rural, na reunión co alcalde de Toén.

 

Os traballos que se levarán a cabo no Centro integral para a loita contra o lume, que se ubicará no antigo hospital deste concello ourensán, eran analizados nunha xuntanza mantida entre o conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de Toén, Ricardo González.

Así, José González sinalou que tras proceder á limpeza de biomasa nos arredores do centro, as seguintes actuacións pasarán pola adecuación das pistas de adestramento, xa que neste campus forestal centralizarase a formación teórico-práctica do persoal dedicado á loita contra os lumes forestais.

Ademais, trasladoulle o conselleiro, procederase á análise estrutural e á adecuación do peche do recinto. Todos estes traballos pretenden “converter este centro nun referente na loita contra os incendios para que bombeiros forestais procedentes de toda Europa poidan levar a cabo prácticas formativas e reforzar os seus coñecementos en materia de prevención e extinción, ao contar cos maiores especialistas no comportamento e na análise dos incendios”, segundo José González. Con todo, o conselleiro insistiu en que este campus permitirá tamén dar a coñecer este municipio e dinamizar a súa contorna.

Neste senso, o titular de Medio Rural lembroulle ao rexedor que estas dependencias constituirán o eixe central do Plan de Formación programado para os efectivos de prevención e extinción, tal e como contempla a 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”.

Aldea modelo de Trelle

No decurso da reunión ambos dirixentes analizaron tamén o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Trelle, publicada recentemente no Diario oficial de Galicia. A través dela, todos aqueles interesados poden consultar os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nesta aldea modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Concretamente, nesta zona apóstase pola gandaría en extensivo como uso principal e pola plantación de árbores froiteiras como uso secundario.

Sobre isto, o conselleiro destacou que as aldeas modelo supoñen a obtención dun rendemento económico tanto para os propietarios dos terreos –que conservan a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa explotación. Neste senso, a aldea modelo de Trelle comprende 649 parcelas de 176 propietarios e unha superficie de case 30 hectáreas.

Infraestruturas rurais

Por último, trataron o estado das infraestruturas rurais para mellorar a calidade de vida dos veciños. Neste senso, José González salientou que no pasado exercicio executáronse a través do Programa de Infraestruturas Rurais (PIR) obras de adecuación no acceso a varias explotacións agrarias da parroquia de Moreiras, por un orzamento de case 50.000 euros. Ademais, o titular de Medio Rural lembroulle que no Plan Marco de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022, o concello de Toén conta cunha achega de algo máis de 41.000 euros para levar a cabo actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso a, cando menos, dúas parcelas agrícolas, incluíndo tanto traballos que supoñan un incremento da largura da vía como un aumento da súa lonxitude se rematan nunha estrada ou noutro camiño.

Mediante estas achegas que xestiona a Consellería do Medio Rural, tamén se subvenciona o reforzo do firme, de noiros ou de cunetas, as obras de mellora da sinalización ou da drenaxe e a adecuación de traballos de paso de cursos fluviais, así como o mantemento do firme, a limpeza das marxes do camiño ou o reforzo dos terrapléns.

Artigos relacionados

Back to top button