En portadaÚltima hora

As orixes dos bancais da Ribeira Sacra sitúanse no século X

Así o indican os resultados das primeiras datacións dun estudo que está a realizar o CSIC por encargo da Xunta. Nel tomáronse mostras na Pobra do Brollón no marco do proxecto Adegas da Memoria, que se combinaron con estudos arqueolóxicos, etnográficos e históricos

 

Ata a época altomedieval, en concreto ao século X, remóntanse ás orixes dos bancais da Ribeira Sacra, o que reforza a súa singularidade mundial. Así o indican os resultados das primeiras datacións destas terrazas vitinícolas, segundo se facía público esta mañá na Pobra do Brollón nun acto no que participaban a directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, María del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, entre outras persoas.

Trátase, como explicou a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, dun “estudo de especial relevancia que permite achegar evidencias científicas da orixe destes elementos singulares da Ribeira Sacra”. Os traballos, encargados pola Xunta, foron realizados polo Instituto de Ciencias del Patrimonio del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit-CSIC) na ribeira de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón,e enmárcase no proxecto Adegas da Memoria, no que ademais da Consellería de Cultura e Incipit-CSIC, participan tamén o Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur.

As datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento dos conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

Ademais das datacións, este proxecto, levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento dos Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo.

 

Labores arqueolóxicas realizadas no marco deste estudo./ Foto cedida.

 

Evolución histórica

Tal e como se pode concluír das datacións, da escavación dos Conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na ribeira de Vilachá. No século XVI, volve haber outro pico de intensidade na construción de bancais, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

“Con estes traballos, a Xunta de Galicia continúa a apoiar as iniciativas que poñan en valor territorio da Ribeira Sacra, que encara a súa recta final na candidatura a Patrimonio da Humanidade”, segundo informa a Consellería de Cultura. O goberno galego está a destinar 4,5 millóns de euros para poñer en valor bens patrimoniais incluídos nesta paisaxe cultural desde o inicio da candidatura.

Na actualidade o lugar de Os Conventos xunto ás adegas tradicionais de Vilachá configuran un recurso turístico no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste territorio dun xeito respectuoso e harmónico. Dentro do proxecto de Adegas da Memoria tamén é posible visitar Vilachá de xeito virtual a través dunha webserie homónima. Acaba de ser estreada a terceira tempada que trata precisamente a investigación do Incipit-CSIC arredor das terrazas vitivinícolas (https://adegasdamemoria.com/gal/2021/03/29/t3-ep-1-a-canteira-dos-sonos/).

Fotos cedidas.

Toma de mostras na Pobra do Brollón./ Foto cedida.

 

Artigos relacionados

Back to top button