CulturaCulturaÚltima hora

As orixes xeolóxicas da Ribeira Sacra e o río Sil, no novo proxecto da artista arxentina Irene Kopelman

Aceptaba a invitación do MUV, museo virtual e plataforma dixital de difusión cultural da Fundación María José Jove, para desenvolver unha residencia artística en Galicia

Panorámica da Ribeira Sacra./ Foto: Fundación María José Jove.

 

Desde unha formulación creativa que oscila entre a documentación, a análise científica e a interpretación da paisaxe, a artista arxentina Irene Kopelman levará a cabo un proxecto de investigación sobre as orixes xeolóxicas da Ribeira Sacra e o determinante do río Sil na evolución da súa paisaxe. Esta creadora aceptaba a invitación do MUV, museo virtual e plataforma dixital de difusión cultural da Fundación María José Jove, para desenvolver unha residencia artística en Galicia dentro do seu labor de apoio á creación artística e de difusión e preservación do patrimonio galego cultural e natural.

Irene Kopelman, que xa se atopa na Ribeira Sacra, analizará algúns dos compoñentes identificativos da paisaxe que recollen aspectos de tipo xeolóxico, topográfico, orográfico ou litolóxico, vinculados á súa natureza. O seu traballo artístico resultante dará lugar a un proxecto expositivo programado para 2022 e comisariado por Susana González.

As orixes xeolóxicas da Ribeira Sacra remóntanse ao cretácico, fai uns douscentos millóns de anos, período no que a Península Ibérica empezaba a emerxer do océano. Por entón, tratábase dunha illa cuxo territorio correspondía aproximadamente a Galicia e o norte de Portugal. Cento cincuenta millóns de anos despois, África comezou a chocar contra Europa xerando outra orogenia que nesta zona maniféstase na elevación, maior ou menor, de grandes bloques do terreo. O resultado desta condición e dos vales profundos de granito labrados pola auga conforman os actuais e característicos canóns do Sil.

“A práctica artística de Irene Kopelman baséase nun compromiso a longo prazo en relación a problemas ecolóxicos e ao seu interese nas converxencias entre a ciencia e a arte. Ao longo da súa traxectoria, realizou diferentes residencias de investigación en colaboración con institucións ou museos do ámbito da historia natural, coleccións xeolóxicas (Londres, Amsterdam), parques naturais ( Hawai) ou laboratorios como o Manu Learning Center, na selva peruana ou o Smithsonian Tropical Research Institute, en Panamá. En todos os casos, Kopelman explora ecosistemas excepcionais que pon de relevo por medio do seu propio sistema de representación artístico, aproximándose ás ciencias naturais por medio dun característico discurso poético-visual”, segundo sinalan dende a Fundación María José Jove.

 

A artista arxentina Irene Kopelman, na Ribeira Sacra./ Foto: Fundación María José Jove.

 

Conversacións

A estancia de Irene Kopelman, engaden dende a fundación, “permitirá ademais, debater sobre outros aspectos vinculados á historia morfolóxica da paisaxe en torno ao río Sil nunha serie de conversacións con especialistas. Cabe destacar a colaboración coa área de Enxeñería do Terreo da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, de Universidade da Coruña representada por Víctor Barrientos”.

BIO Irene Kopelman

Irene Kopelman naceu en Córdoba, Arxentina, en 1974. Estudou na Escola de Artes da Universidade Nacional de Córdoba, onde obtivo a súa licenciatura en pintura (1994 – 2002). En 2002, Kopelman foi aceptada dentro do programa internacional de residencia de dous anos na Rijksakademie van beeldende Kunsten, en Ámsterdam. Actualmente, divide o seu tempo entre Ámsterdam, Arxentina e os lugares de investigación.

Nos Países Baixos, Kopelman comezou a traballar as representacións de paisaxes tal e como o rexistraron os naturalistas nos séculos XVIII e XIX. Unha serie de colaboracións dentro de coleccións de museos como o Museo Xeolóxico ( Artis, Ámsterdam), a Colección Entomológica (Universidade de Ámsterdam – UVA), o Museo Teylers ( Haarlem), o Museo de Historia Natural de Londres e o Observatorio Astronómico en Córdoba (Arxentina) levaron a varios proxectos, incluíndo exposicións como ‘ Levity’ en The Drawing Center, Nova York (2007), ‘ Nameless Science’ en Apex Art, Nova York (2008), ‘ Planet of Signs’, Lle Plateau, Paris (2009) , ‘ The Challenger’ s Report’, Gasworks, Londres (2012) e ‘ Chiral Garden’, A Verriere Fondation D’ Entrerprise Hermes, Bruxelas (2013).

Taller en colaboración con 12 Miradas

Ademais, dentro da aposta do MUV por facilitar a conexión desde Galicia entre artistas, investigadores e entidades culturais de todo o mundo, ámbitos e disciplinas, Irene Kopelman participará na sexta edición do Programa 12 Miradas. En concreto, realizará, xunto a catro novos artistas convidados polo MUV: Andrea Dávila Rubio, Carla Souto, Berio Molina e Mariña González Guerreiro un taller presencial na Ribeira Sacra. A duración será de tres días de intercambio, traballo de campo e coñecemento da contorna poñendo o foco nas relacións sociais e ecolóxicas da paisaxe rural galego.

Os impulsores do proxecto, Miriam Pérez e Carlos Quintáns reiteran coa colaboración co MUV o seu compromiso co medio rural e coa creación contemporánea, demostrando, tras seis anos de programación, que é posible reflexionar sobre unha contorna local para pensar e proxectar sobre problemáticas globais.

Artigos relacionados

Back to top button