As pinturas esquemáticas de Casaio, valioso santuario prehistórico

Os primeiros resultados do seu estudo presentábanse no Barco da man dos investigadores Francisco Alonso, Manuel Santos e Carjos Tejerizo nunha conferencia organizada polo IEV

Ante un numeroso público que enchía o salón de actos do edificio multiusos do Barco amosábanse os primeiros resultados da análise da arte esquemática prehistórica de Pala de Cabras en Casaio (Carballeda de Valdeorras) na tarde do 18 de xuño. Era no decurso da conferencia “As pinturas rupestres de Casaio. Un descubrimento excepcional”, organizada a través do Instituto de Estudios Valdeorreses, e que contaba coa presenza de Francisco Alonso Toucido (Estela Arqueoloxía, SL), Manuel Santos-Estévez (da Universidade de Minho, Portugal), un dos maiores expertos en representacións artísticas prehistóricas no noroeste peninsular; e Carlos Tejerizo García (Instituto de Ciencias del Patrimonio), doutor en arqueoloxía e director do proxecto Sputnik Labrego.

O acto abríao o presidente do IEV, Aurelio Blanco, que logo daba paso ao responsable da sección de Arqueoloxía do desta entidade, José Fernández, quen facía unha pequena introdución sobre as estacións de petróglifos da comarca, e que logo presentaba aos relatores.

O primeiro en intervir era Francisco Alonso, descubridor das pinturas, quen agradecía o apoio de Sputnik Labrego e da xente de Casaio, así como do público que ateigaba a sala. Realizaba unha contextualización de Casaio e do proxecto arqueolóxico sobre a guerrilla que o equipo de investigadores de Sputnik Labrego vén realizando nesa dende hai xa dous anos.

 

 

Nese marco, e máis en concreto no proceso de documentación dun dos chozos dos guerrilleiros, foi como se atoparon en febreiro pasado as pinturas nun abrigo rochoso de difícil acceso, denominado Pala de Cabras. “É un abrigo moi excepcional, cuns 30 m de ancho, con cuarcitas con planos rectos e cunha fervenza no medio”. Alonso resaltaba ademais que Casaio é un dos tres lugares de Galicia onde se ten descuberto pintura esquemática, sendo ademais “un dos que máis motivos ten”.

Os ídolos oculados

Pola súa banda, Carlos Tejerizo, destacaba o gran apoio e vinculación co proxecto da comunidade de montes de Casaio e  expoñía os primeiros resultados obtidos ata o de agora do estudo das pinturas, datadas no Calcolítico (hai entre 2.500 e 3.000 anos antes de Cristo), incidindo no seu valor e na “necesidade da súa protección, tendo en conta o seu precario estado de conservación”, e tamén na súa valorización. Comezaba aportando unha planimetría das mesmas e plantexando o interese de realizar unha escavación arqueolóxica no lugar. Cifraba ademais nuns 30 os motivos diferentes descubertos ata agora, o que convirte a Pala de Cabras “nun dos conxuntos de pintura esquemática máis relevantes do noroeste peninsular”.

Entre eses motivos resaltaba os denominados ídolos oculados, que non aparecen noutras pinturas do norte e cuxas similitudes máis próximas están no sur da península. Tamén vencellados ao período calcolítico figuran nas paredes de Pala de Cabras os soliformes e ramiformes ou arboriformes.

Na tipoloxía e singularidade dos motivos afondaba así mesmo Manuel Santos-Estévez, tras facer un repaso polas outras dúas mostras de pintura esquemática localizadas ata hoxe en Galicia, as dúas na parte oriental da comunidade. “Foron achados modestos pero moi importantes porque conseguiron abrir unha nova porta e iso permitiu replantexar moitas cousas e empezar a configurar nun novo mapa de arte rupestre no noroeste”, indicaba.

 

Manuel Santos.

Remarcaba ademais o valor en cualidade e variedade de pinturas da arte esquemática de Pala de Cabras, e cifraba en ata 5 os ídolos oculados, que reciben precisamente esa denominación pola representación de grandes ollos, acompañados por cellas e marcas de pintura facial. E matizaba que algúns dos outros motivos, como pode ser o caso dos arboriformes, poden ter unha maior antigüidade.

Para Santos as pinturas de Casaio “constitúen unha auténtica excepción en canto á arte esquemática no noroeste. Seguimos traballando e tratando de definir as figuras que puidera haber, así como a estrutura na súa distribución” e cre que podería tratarse dun santuario rupestre. Outra das súas singularidades é o feito de ser unha zona de confluencia entre a arte atlántica e a esquemática. Subliñaba tamén que “é urxente facer canto antes unha diagnose do estado de conservación das pinturas e ver se hai actividade erosiva que puidera estar destruíndoas, saber ata modo iso pode incidir na súa conservación”.

Proxecto de documentación sistemática

A conferencia finalizaba cunha nova intervención de Francisco Alonso quen detallaba os pasos que o equipo pretende dar a partir de agora para documentar estas pinturas, que xa teñen a consideración de BIC, de forma máis exhaustiva e coa aplicación de determinadas tecnoloxías. Para iso veñen de presentar un proxecto á Administración galega que inclúe unha documentación gráfica e topográfica da cavidade, tratamento das imaxes con diveras técnicas, o estudo da súa conservación e o uso de certas técnicas de laboratorio para afondar en cuestións como o tipo de pigmento empregado, ademais de seguir prospectando a zona.

O acto, ao que tamén asistía o alcalde do Barco, Alfredo García, e a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta; finalizaba coa entrega de agasallos para os ponentes e tamén para a Comunidade de Montes de Casaio.

Texto e fotos: Ángeles Rodríguez.

O equipo de Sputnik Labrego con Francisco Alonso, ao final da conferencia.

 

 

Scroll To Top

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies