CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

As pinturas rupestres de Casaio, no VII Congreso Internacional sobre o Neolítico na Península Ibérica

Sputnik Labrego presenta unha comunicación sobre estas manifestacións artísticas de Pala de Cabras neste foro internacional que se desenvolverá en Sevilla do 29 de xaneiro ao 1 de febreiro

Un dos motivos pictóricos que poden verse en Pala de Cabras (Casaio)./ Foto: Laura Fernández.

 

Os primeiros resultados das investigacións levadas a cabo sobre o conxunto de pinturas esquemáticas descubertas en Casaio (Carballeda de Valdeorras) hai un ano polo exporanse no marco do VII Congreso Internacional do Neolítico na Península Ibérica, que se desenvolverá do 29 de xaneiro ao 1 de febreiro en Sevilla.

Así o equipo de Sputnik Labrego, xunto ao profesor Manuel Santos Estévez, da Universidade do Minho; presentarán neste foro a comunicación titulada “Mirando ao noroeste. Pintura de tradición esquemática de Pala de Cabras (Ourense).

“A pesar da falta de medios, e grazas á colaboración de Manuel Santos como experto en arte prehistórica, puidemos levar a cabo as primeiras análises sobre este impresionante conxunto”, afirma Carlos Tejerizo, director de Sputnik Labrego. Polo momento, segundo confirma este investigador, puidéronse diferenciar ata 25 motivos pictóricos, que incluirían tres “ídolos oculados”, motivos moi característicos do terceiro milenio antes de nosa era e que “supoñen un dos escasos exemplos en todo o noroeste peninsular e primeiro en Galicia”.

Esta comunicación permitirá dar a coñecer estes resultados á comunidade científica, co fin de intercambiar impresións e experiencias con expertos de todo o mundo sobre este tipo de representacións artísticas. “Será unha oportunidade única para por en valor un descubrimento desta importancia”, di Francisco Alonso, de Estela Arqueoloxía e descubridor das pinturas, “dalgunha maneira, tamén esperamos disipar as posibles dúbidas que haxa sobre a autenticidade das pinturas. Para isto é necesario poñelo en coñecemento e debate dentro da comunidade científica”.

 

O investigador Carlos Tejerizo xunto á parede da Pala de Cabras, onde se atoparon as pinturas de Casaio./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A investigación sobre as pinturas de Casaio non fixo máis que empezar, dinnos desde Sputnik Labrego. “Polo momento levamos a cabo as análises necesarias para ter unha primeira aproximación a este conxunto. Agora son necesarios recursos para poder realizar analíticas máis precisas e, sobre todo, protexer as pinturas”, di Carlos Tejerizo. O equipo presentou un proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, cos maiores expertos na materia, “que esperamos poida saír adiante ao longo deste ano. Un descubrimento destas características cremos que o merece”.

A comunicación formará parte das tres investigacións que desde Galicia, achéganse ao congreso, como son a “Reconstrución das prácticas culinarias durante o Neolítico no norte peninsular.” Realizada entre outros por persoal investigador da Universidade de Santiago de Compostela así como “Chan de Armada 1, cantas estruturas baixo o mesmo túmulo?” desde a empresa de arqueoloxía galega Anta de Moura.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close