ConcellosÚltima hora

As piscinas naturais de Carballeda de Valdeorras, un espazo único na comarca

A auga provén do propio río Sil e depúrase de xeito natural

Vista das piscinas naturais.

 

Dende fai décadas, as piscinas municipais da localidade de Sobradelo (capital do concello de Carballeda de Valdeorras) é un dos lugares preferidos polos valdeorreses para refrescarse nos calurosos meses do verán. Fai dous anos, unha crecida do río Sil durante o inverno provocou serios danos nas instalacións e o Concello decidiu apostar por un proxecto completamente novo. A antiga piscina olímpica, única na comarca, foi substituída por unha fluvial que aproveitaba a auga do propio río, tratada ademais de forma natural.

A alcaldesa de Carballeda, María Carmen González Quintela, indica que pese que as anteriores piscinas estaban moi ven valoradas e funcionaron con gran satisfacción durante 20 anos, as constantes riadas obrigaron a buscar outro tipo de solucións. “Todo o recinto estaba en zona inundable e, aínda que o río segue facendo desperfectos no inverno, non é o mesmo ter problemas de depuración cada ano que facer pequenos traballos de albañilería ou recheo”, indica a alcaldesa.

A auga entra mediante bombeo ás instalacións e circula por unha canle de pedra ata unha zona onde se depura de xeito natural mediante plantas acuáticas. “Queríamos dar outro concepto de calidade de auga, máis acorde co medio ambiente e co coidado da pel, sen tratamento químico”, sinala María Carmen. A auga continúa o seu fluxo para encher o vaso principal, de 1,60 metros de profundidade e a piscina para os nenos, de 0,40 metros. Finalmente retorna a o río Sil a través dunha pequena fervenza.

Na zona máis alta do recínto érguese un moderno edificio que acolle os vestiarios e a cafetería e que substitúe ao anterior chiringuito que, en palabras da alcaldesa “non cumpría o que pretendíamos coas novas piscinas”. Nesa zona tamén se ubica un jacuzzi, que este ano non poderá ser usado por razóns sanitarias derivadas da pandemia do coronavirus, e outra pequena piscina que o Concello mercou para usar de forma provisional mentres se realizaban as obras. “É a única clorada de todo o recinto”, comenta María Carmen.

 

A zona do jacuzzi e a piscina clorada.

 

A rexedora tamén quixo poñer en valor o uso de material propio da zona e a integración do recinto na paisaxe: “as piscinas recobréronse con cantos rodados procedentes do lugar e os muros están feitos de louxa sacada das escombreiras que permiten que as instalacións coexistan ben co entorno”. Sobre o uso de area en lugar do clásico céspede que se pode atopar en case todas as piscinas municipais, a alcaldesa sinala que a decisión débese tamén ás crecidas do Sil. “Non é posible ter céspede de calidade ao tratarse dunha zona inundable e a area, se a leva o río, é moito máis sinxela de repoñer”.

María Carmen afirma sentirse “orgullosa de que un Concello pequeno como é o de Carballeda poida dar aos veciños este servizo”. “Queremos escoitar as opinións da xente común e tamén ir realizando melloras, sempre dentro da normativa porque a zona é competencia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”, sinala. As piscinas abren únicamente pola tarde, de 15:00h a 21:00h con entrada a 1,5€ e gratuíta para os menores de 12 anos. Tamén existe a posibilidade de mercar bonos para a toda a tempada. A alcladesa destacou tamén que con estas tarifas non buscan rendabilidade económica senón manter o servizo que ofrecen aos cidadáns.

Texto: Víctor Santos.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button