OurenseÚltima hora

As policías Local, Autonómica e Nacional sumarán esforzos para controlar os botellóns na cidade de Ourense

O Concello axilizará os trámites administrativos necesarios para garantir a eficacia das sancións que se impoñan ás persoas que incumpran as normativas vixentes

 

Tralos acontecementos da pasada fin de semana na cidade, o Concello de Ourense acadou o compromiso das policías Nacional e Autonómica para cooperar na vixilancia e control dos botellóns. Foi a través de dúas reunións: a primeira, entre o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, e a Intendente xefa da Policía Local, María Barrera, co Comisario xefe da Policía Nacional en Ourense, Juan Carlos Blázquez, na Subdelegación do Goberno. A segunda, celebrada a posteriori entre os diferentes corpos de seguridade: nacionais, autonómicos e locais.

Como resultado deste encontro chegouse a un acordo inicial de coordinación, e as policías Nacional e Autonómica puxeron os seus corpos a disposición da vixilancia do botellón. O Concello de Ourense, pola súa banda, comprometeuse a axilizar os trámites administrativos necesarios para garantir a eficacia das sancións que se impoñan ás persoas que incumpren as normativas vixentes.

O concelleiro de Seguridade, Telmo Ucha, asegura que o Goberno municipal está “moi preocupado por manter a orde nas rúas e por respectar o dereito da veciñanza ao descanso”. Especialmente, engade, “en datas nas que debemos ser moi escrupulosos na distancia social e no cumprimento das medidas de seguridade para evitar un novo gromo de casos derivados da Covid-19”.

Artigos relacionados

Back to top button