A VeigaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

As praias máis altas de Galicia e unha atractiva oferta gastronómica, na Veiga

Establecementos como O Retiro, As Chairas, Pena Trevinca ou Río Xares son algunhas das opcións para desfrutar da comida e da bebida nesta vila

 

As praias da Veiga constitúen todo un atractivo turístico, xa sexa polo feito de que son as máis altas de Galicia, polo seu ambiente, ou pola paisaxe natural da que forman parte. Ademais de refrescarse ou das actividades acuáticas que se poden realizar nelas, os visitantes poden desfrutar dunha atractiva oferta gastronómica, da man de establecementos como O Retiro, As Chairas, Pena Trevinca ou Río Xares, entre outros.

 

 

O chiringuito O Retiro atópase na área recreativa O Coiñedo. Neste restaurante ofrecen almorzos, comidas e ceas, dende ás 11:00 horas ata a noite, todos os días ata o vindeiro 10 de setembro. Así, para poder comer, dende a xerencia recomendan reservar (no teléfono 629 266 422), xa que en tempada estival soe haber afluencia e tamén ofrecen o servizo para levar.

Funciona con carta, cuxos prezos oscilan entre os 15 e os 18 euros de media. Os pratos máis sinalados do Retiro, afirma o seu xerente, Chus Paradelo, son “o cachopo, os chipiróns afogados, o arroz mariñeiro ou con androlla e cogomelos”.

“Abrimos a última semana de maio, acondicionamos o establecemento para cumprir coas medidas de seguridade marcadas polas autoridades sanitarias, de forma que de trece mesas pasamos a sete, pero estamos a traballar ben”, explica Chus Paradelo. 

 

Chus Paradelo, xerente de O Retiro.

 

Por outra banda, o Restaurante As Chairas, con vistas á Praia dos Franceses, está aberto todos os días de 11:00 da mañá a 00:30 horas da madrugada para ofrecer servizo de comidas e ceas aos seus clientes.

Funciona con carta que cambia todos os días, con cinco primeiros e cinco segundos a elixir, na que sobresaen carnes como entrecot ou churrasco á grella ou peixe como a dourada. Dende a xerencia afirman que a tempada estival comezou ben, pero “hai moita incerteza”.  O seu número de reserva é o 988 35 01 68.

 

Vistas dende As Chairas.

 

Nas inmediacións do Campo da Feira atópase o Restaurante Pena Trevinca. Funciona de luns a sábado, pero en agosto tamén abrirá os domingos.

“Temos un menú do día pola semana que consta de cinco ou seis primeiros e seis ou sete segundos variados. A fin de semana, con reserva (no teléfono 630 51 59 50), engadimos marisco, arroces, e agora estamos comezando a ofrecer chuletóns e solomillo de vaca”. Así, tamén existe a posibilidade de pedir tapas, bocadillos ou hamburguesas, aínda que aseguran que a súa especialidade son as carnes á grella.

 

 

O Restaurante Río Xares está ubicado dentro do pobo, e non é preciso reservar. Oferta menú do día ou carta, e dende a xerencia afirman que o aspecto que diferenza a este establecemento é a súa “comida caseira, a carne á grella é a nosa especialidade”.

Así, o menú do día ten un prezo de 10 euros pola semana, e na fin de semana aumenta a 12, xa que tamén cambian os pratos. Ademais, de maio a setembro abre todos os días de 13:00 a 15:30 horas e de 21:30 a 23:00 horas.

Con respecto ao inicio de tempada estival, dende o Restaurante Río Xares animan a consumir nos negocios locais xa que “hai que aprender a vivir co virus e hai que seguir vivindo”. Para máis información deste establecemento: 988 35 00 94.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button