CulturaCulturaÚltima hora

As primeiras 500 entradas do Festival de Cans, á venda online

O certame pontevedrés estreará o documental “Torre de Breogán”, de Jorge Coira, e daralle relevancia á programación infantil
Presentación das camisetas do Festival de Cans 2015 no Rei Zentolo. De esquerda á dereita: Pablo Rodríguez, Jorge Coira, Alfonso Pato, Ricardo de Barreiro e Avelino González.
Presentación das camisetas do Festival de Cans 2015 no Rei Zentolo. De esquerda á dereita: Pablo Rodríguez, Jorge Coira, Alfonso Pato, Ricardo de Barreiro e Avelino González.

O Festival de Cans vai dando pasos cara a súa 13ª edición, que se desenvolverá entre o 20 e o 23 de maio con novidades. Unha delas é a estrea de “Torre de Breogán”, un documental dirixido por Jorge Coira e no que se recolle o proceso de gravación do espectáculo homónimo do grupo de folk galego Luar na Lubre. “Fixémolo o ano pasado e recolle o proceso de xestación deste proxecto realizado entre Luar na Lubre e a Orquestra Sinfónica da Coruña. É un espectáculo sinfónico no que se repasa a relación de Galicia con Irlanda”, en palabras de Coira.

Cans dá así continuidade á iniciativa da pasada edición de incluír documentais inéditos. A proxección de “Torre de Breogán” está programada para a tarde-noite do 22 de maio no Baixo de Bugarín e contará coa presenza do seu director, da produtora Chelo Loureiro e de membros deste grupo musical que, posteriormente, darán un concerto na “placa”, inaugurando así esta nova zona dentro do festival. Deste xeito a organización segue a reconvertir espazos cotiás en escenarios singulares para a celebración de concertos, como xa acontecera anteriormente cun hórreo, cos chimpíns ou coas actuacións no galiñeiro, tal e como sinalaba Alfonso Pato, director do evento, no acto de presentación das camisetas desta edición na tenda Rei Zentolo de Santiago na segunda semana de abril.

Tamén no deseño destas camisetas se reflicte un dos xiros que se lle pretende dar este ano á mostra, que aposta por dar protagonismo á programación infantil e así como ganar neste tipo de público nas actividades de día. A imaxe recolle “un ovo escachado do que sae un pequeno can”. As camisetas están deseñadas por Pablo Rodríguez, de Rei Zentolo, e inspiradas na xa coñecida ducia de ovos. Esta é a terceira ocasión na que esta empresa colabora co festival, segundo lembraba o seu representante na presentación, Salvador Vázquez.

Deseño da camiseta do Festival de Cans 2015.
Deseño da camiseta do Festival de Cans 2015.

Outra das novidades é que a partires das 10h. do 15 de abril poranse á venda os primeiros 500 packs de entrada+camiseta (a un prezo de 21,50 euros) para ver as curtas a concurso. “Están pensados exclusivamente para os máis fieis seguidores do festival”, resaltaba Alfonso Pato. Será a través da tenda virtual que o Festival de Cans estrea nesta edición: tenda.festivaldecans.com. Isto suporá “un cambio substancial na venda de entradas”. En total sacaranse mil entradas á venda.

Tamén participaban nesta presentación os actores Avelino González, membro do xurado de Cans 2015, e Ricardo de Barreiro, que participará como copresentador de diversos actos no certame. González aludía a que Cans é un punto de referencia posto que “as curtas xa presumen de estar soamente seleccionadas no festival, aínda sen estar premiadas”. E como xurado amosábase tranquilo. “No audiovisual galego hai moitos estilos e o xurado deste ano vai resultar moi plural e interesante”. Pola súa banda, Ricardo de Barreiro declarábase un “fillo de Cans”, xa que ten estado vencellado a este evento dende os seus inicios.

Portada do último disco da cantautora galega Sés.
Portada do último disco da cantautora galega Sés.

Nesta edición tamén destacará o apartado musical de Cans coas actuacións de Sés e Def con Dos no Torreiro na tarde-noite do 23 de maio. Asemade Strawberry presentará esa mesma tarde unha escolma dos mellores videoclips da historia do grupo. O programa completo farase público entre finais de abril e primeiros de maio.

Máis información: www.festivaldecans.com

Artigos relacionados

Back to top button