OurenseÚltima hora

As promesas do hóckey herba reuniranse esta fin de semana en Ourense

O campo de Mariñamansa acollerá a fase final do campionato de España de seleccións autonómicas sub14

De esquerda a dereita, Manuel Pérez, Gonzalo Pérez Jácome, Alberto Estévez e Roberto Baratta, trala presentación do campionato.

 

O campo de hóckey herba de Mariñamansa, en Ourense, acollerá do 26 ao 28 de febreiro a fase final do campionato de España de seleccións autonómicas sub14, tanto masculino como feminino.

A presentación do evento deportivo nacional tiña lugar esta mañá por parte do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado por directivos da Federación Galega de Hóckey e representantes da Xunta de Galicia, lamentando que non poida asistir público ao evento por motivos de seguridade, e animando á afección a seguir o desenvolvemento do campionato a través da canle de youtube da Federación Galega de Hóckey.

Tal como explicaron na presentación, o campionato de España de seleccións autonómicas sub14 feminino e masculino dispútano os 5 equipos autonómicos rexistrados de cada federación territorial. Celebraranse dúas competicións (masculina e feminina), con organizacións paralelas aínda que simultáneas, cada unha co seu equipo federativa, director de torneo, responsable de árbitros e árbitros. En total, “pasarán polo centro de Mariñamansa preto de 250 persoas”, din dende a organización, asegurando que en todo caso seguiranse estritamente os protocolos COVID-19 fixados para este tipo de competición polo Consello Superior de Deportes, a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Hóckey e o Concello de Ourense. “Nomearase un delegado de campo para estas tarefas, que estará coordinado cos servizos médicos da Federación Galega de Hóckey, presentes no campo durante a celebración do torneo”.

As seleccións rexistradas son 5 masculinas e 5 femininas de Andalucía, Asturias, Comunidade Valenciana, Galicia e Aragón que disputarán o campionato en formato liga, a unha soa volta e nun grupo único -todas contra todas e final-. A selección de Galicia feminina defende o título acadado o pasado ano en Jaén.

 

Artigos relacionados

Back to top button