CulturaCultura

As proxeccións da 28ª Semana de Cine do Barco comezan cunha produción valdeorresa

Poderán verse unhas 15 películas, a primeira das cales era a española “A Tribu”, ata o 3 de setembro

Cinema feito a pé de viñedo, en Valdeorras, como aperitivo do menú de filmes que se proxectarán do 24 ao 3 de setembro no marco da 28ª Semana de Cine do Barco. A mostra erguía o pano na tarde do venres 24 de agosto no Teatro Lauro Olmo coa primeira sesión infantil ás cinco na que os cativos podían ver “O fillo de Bigfoot” e cunha presentación oficial, xa ás sete, na que podían verse os trailers das 15 películas (dos ciclos de cine español, de actualidade e infantil) que se pasarán nesta edición, nunha montaxe realizada por Anxo Santomil.

Deseguido, o presidente do Cine Club Groucho Marx, José María Rodríguez, daba paso á curtametraxe “De pura cepa”, dirixido por Xavi Castro e Olalla Rodríguez e rodado en Valdeorras (pola produtora Sintelobos) cun argumento vencellado coa produción vitivinícola da comarca. “Non é a primeira vez que abrimos a Semana de Cine cunha nova creación, de feito en anteriores edicións temos proxectado curtas doutro autor vinculado a Valdeorras, Xacio Baño, ao que ademais se lle adicou unha das butacas deste teatro”, lembraba José María Rodríguez.

Tras a curtametraxe, cunha duración duns 21 minutos, comezaba xa o primeiro dos filmes do programa “A Tribu”, de Fernando Colomo. Ademais na entrada do Teatro Lauro Olmo poderá verse durante esta semana a exposición de carteis de coñecidas películas de cine recreados polo salmantino Ricardo-Cavolo. A mostra titúlase “Máis dunha ollada”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button