OurenseÚltima hora

“As puntas da louza. Cancioneiro popular de labor”, de Lorena Conde, gañadora do 36º Premio de Poesía Cidade de Ourense

O xurado destacou a “calidade lingüística e estética coidada” da obra, que define como “poesía que conmove” e “introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras”

Presentación do Premio de Poesía Cidade de Ourense.

 

Logo de examinaren os 26 orixinais presentados, dos que un foi desbotado por gañar outro premio, o xurado, reunido o día 25 de setembro, acordaba por maioría conceder o 36º Premio de Poesía Cidade de Ourense á obra de Lorena Conde Martínez, As puntas da louza. Cancioneiro popular de labor.

A presentación da obra gañadora tiña lugar na mañá deste martes 18 de maio por parte do Concello de Ourense, nun acto no que participaron a autora, o crítico literario, membro do xurado e encargado da edición, César Lorenzo e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

O xurado destacou da obra gañadora “a súa calidade lingüística e estética coidada, así como a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora. Voz poética que amplía o imaxinario falando desde a subalternalidade, introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras. Coloca os coidados no centro facendo unha lectura contemporánea da dificultade da conciliación. En definitiva, unha poesía que conmove e non deixa indiferente”, conclúe o xurado.

O certame está dotado cun premio por importe de 6.000 euros e a publicación do traballo gañador. Na actualidade, e até o día 4 de xuño está aberto o prazo para presentar obras á edición número 37 do certame, á que poden concorrer obras en galego ou portugués escritas por persoas que non gañasen o premio nas 5 edicións anteriores. Teñen que ser textos orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos e presentarse baixo un lema no Concello de Ourense ou na Cámara Municipal de Vila Real. O Concello ten aberto tamén até o 4 de xuño o prazo para presentar traballos ao Premio Risco de Creación Literaria, dotado tamén con 6.000 euros máis a publicación da obra gañadora.

Artigos relacionados

Back to top button