DeportesFútbol salaRúa Valdeorras CFÚltima hora

As rapazas do Rúa-Valdeorras CF vencen ao Atlético Arnoia e pasan á final da Copa Deputación

Co 2-3 se saldaba o partido de volta da semifinal disputado hoxe no pavillón municipal A Queixeira, en Arnoia

 

Moi fructífera ten sido a xornada deste sábado 28 de maio para os deportistas valdeorreses. Se pola mañá era o equipo infantil do CD Rúa o que se clasificaba para a final da Copa Deputación de fútbol 8, pola tarde facíao o do Rúa Valdeorras CF de fútbol sala feminino.

Tras un intenso partido de ida disputado no pavillón municipal da Rúa hai unha semana, que se saldaba co empate a dous goles, hoxe pola tarde as rapazas do conxunto valdeorrés que adestra Rosendo Durán disputaban o partido de volta das semifinais da Copa Deputación de fútbol sala feminino no pavillón municipal A Queixeira, ante un Atlético Arnoia que non lle puxo as cousas fáciles.

 

 

Eran as locais as que se adiantaban no marcador cun primeiro gol no minuto 8 ao que respondía o Rúa cun gol de Alba no 32′ que empataba o encontro. Só un minuto despois o Arnoia volvía adiantarse no marcador poñendo o 2-1 pero acostumadas como están a pelexar ata o último minuto, Marta empataba para o Rúa no 46′ e só un minuto despois Sabela sentenciaba o encontro poñendo o 2-3.

Con este espectacular resultado as valdeorresas volvían satisfeitas para casa agardando o resultado da outra semifinal, entre Cartelle e Verín, que se disputará mañá e de onde sairá o outro finalista da Copa. A final xogarase a vindeira fin de semana, previsiblemente o sábado 4 de xuño.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button