SanidadeÚltima hora

As residencias sociosanitarias de Ourense, sen positivos ao Covid-19

A Consellería de Sanidade vén de facer públicos os resultados da totalidade de PCRs realizadas no segundo varrido preventivo a estes centros

 

“Cos resultados da totalidade de PCRs realizadas no segundo varrido preventivo, que concluíu os pasados días, ningunha das 103 residencias sociosanitarias e 32 vivendas comunitarias de Ourense teñen casos de Covid-19, o que garante a seguridade dos seus mais de cinco mil usuarios e usuarias”, segundo asegura a Consellería de Sanidade.

O segundo varrido preventivo de todas elas, iniciouse a finais de xuño por parte do persoal da Área Sanitaria do Sergas en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que se desprazaron para realizar 8.354 probas (PCR) a todos os seus usuarios, 5.427; e traballadores, 2.927, todas elas negativas. Esta iniciativa tamén detectou varios casos, xa curados e con anticorpos, que con toda seguridade cursaron sen síntomas, velaí a importancia de seguir extremando as precaucións e as medidas de protección.

Para garantir a seguridade desta poboación de alto risco, todos estes centros deben seguir as directrices do Plan de Reactivación, establecido pola Consellería de Sanidade para retomar a normalidade, sempre e cando a situación epidemiolóxica do propio centro ou do concello onde se enmarca non varíe.

Dito Plan de Reactivación no ámbito sociosanitario, define as liñas de vixilancia, prevención e control para garantir a seguridade, dacordo a uns criterios epidemiolóxicos xerais, como a incidencia acumulada nos tres días previos na poboación xeral; asistenciais, con avaliación continua do estado do sistema sanitario e sociosanitario, nos que se valora a capacidade de intervención e xestión dos propios centros ante a aparición dun caso.

Neste momento, dacordo cos criterios epidemiolóxicos e asistenciais que se validan desde os equipos sanitarios do Sergas en Ourense, todos os centros, salvo aqueles nos que mudou a situación epidemiolóxica da poboación xeral dos seus concellos, poden estar en fase 2, sempre pendentes de calquera cambio na situación epidemiolóxica do concello onde están situados, que daría paso a situación de alerta e restrición de entradas de visitantes e saídas de residentes.

Artigos relacionados

Back to top button