OurenseÚltima hora

As Semanas Culturais de Seixalbo celebran os seus 30 anos cunha enorme oferta

Teatro, música, actividades para maiores e pequenos e incluso un xantar, son algúns dos ingredientes para este evento cultural deste núcleo rural de Ourense
Cartel do evento.

O núcleo rural de Seixalbo, en Ourense, deu comezo ás actividades do “Seixalbo Cultural 2017” que toma o relevo das xa consolidadas “Semanas Culturais” que este ano cumpren o trixésimo aniversario.

A Asociación Veciñal deste lugar leva organizando durante tres décadas, de xeito ininterrompido, esta actividade cultural cunha ampla programación, que se suma ás actividades que organiza tamén anualmente a Asociación Cultural Agromadas, da que destaca singularmente a Festa dos Foros.

Así, para celebrar este aniversario, as actividades que inicialmente se concentraban nunha semana, pasan a desenvolverse durante practicamente un mes entre setembro e outubro. Desde actividades para os máis pequenos, como a Festa da Escuma, o Seixalbo Máxico co ilusionista Mago Chirleta ou teatro infantil coa obra “Díxoo Tais e non se fale máis”, a cargo do grupo RumRum, a actividades pensadas para todos os públicos, como a “Viaxe Cultural ás Fragas do Eume”, o relatorio nformativo sobre os “Prexuizos nas Redes Sociais”, que impartirá a Policia Nacional, ou a andaina nocturna “Seixalbo baixo as estrelas”.

Tamén as actividades musicais teñen un importante protagonismo, cun concerto baixo o título “Queridos canta-autores” interpretado por Juanjo e Ricardo, tamén con raíces locais, así como a xornada de clausura co Concerto Seixalbo Musical do grupo coral “Cantigas de Seixo” e do grupo Trovare, ambos con protagonismo das xentes das localidade.

Estas semanas culturais coinciden coa festividade do patrono, San Breixo, no que se celebrará unha Eucaristía coa intervención musical de Cantigas de Seixo, como paso previo ao xa tradicional Xantar de Convivencia Veciñal, unha verdadeira bacanal ambientada co grupo local Os PerQtores.

O prato forte será, unha vez máis, o musical-teatro que poñerá en escena a obra “Corazón de Mosqueteiro” con texto e dirección local, correndo a dramatización a cargo do Grupo EseDíaSae e a coreografía co grupo SeixalboBaila, cun elenco de máis de trinta ilusionados veciños e veciñas de Seixalbo que se entregarán en corpo e alma para encher cunha divertida traxicomedia o Auditorio de Penouzos. Unha pequena curtametraxe como parte da obra, contou coa colaboración de preto de sesenta figurantes da localidade.

Programa.

Artigos relacionados

Back to top button