ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

As súas maxestades de Oriente, no Barco

Ao redor das sete da tarde do 5 de xaneiro Melchor, Gaspar e Baltasar eran recibidos na antiga Casa Consistorial da vila polo alcalde

En autobús chegaban ao Barco os Reis Magos. Nada máis apearse na Estación de Autobuses da vila, ás cinco e media da tarde, Melchor, Gaspar e Baltasar, acompañados dos seus paxes, montaban súas carrozas para, de seguido, iniciar un longo percorrido por unha estrada xeral do Barco ateigada de nenos e maiores expectantes.

O seu traxecto, no que non cesaron de repartir caramelos, remataba na praza do Concello. Alí descendían das carrozas para fotografarse e falar coa multitude de cativos que os agardaban. No Concello eron recibidos polo alcalde do Barco, Alfredo García, e polo concelleiro de Cultura, Eduardo Ojea, que os acompañaban ata o balcón da antiga Casa Consistorial. Unha vez alí, o rexidor barquense expresáballes o seu agradecemento por visitar, un Nadal máis, a vila e tamén lles fixo unha petición especial: que fixeran de intermediarios ante as Administracións correspondentes para que o proxecto da autovía A-76, tan importante para esta comarca, chegue a ser unha realidade.

A petición do alcalde foi recollida por Melchor, que, falando en nome dos tres Reis, amosouse encantando de poder viaxar dende Oriente ata O Barco neste día tan especial. Ademais deulle unha serie de consellos aos nenos para que facilitasen o inxente labor dos Reis nesta noite e tamén lles pediu que compartisen os seus agasallos.

Fotos: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button