OurenseÚltima hora

As terrazas de Ourense poderán abrir ata as 2:30h de xoves a sábado e vésperas de festivo, nos meses de agosto e setembro

Durante o resto da semana o peche será unha hora antes, as 1:30h

Salón de Plenos do Concello de Ourense. / Foto: cedida.

 

Os establecementos hostaleiros da cidade de Ourense poderán abrir ás súas terrazas media hora máis, ata as 2:30h, de xoves a sábado e nas vésperas de festivo e durante os meses de agosto e setembro. Por outra banda, o peche durante o resto da semana adiántase unha hora, ata as 1:30h. Así o recolle un decreto da Alcaldía, froito dunha xuntanza celebrada o pasado luns, 27 de xullo, e que reuniu ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, á Federación Provincial de Hostalería, á Unión de Hostaleiros de Ourense, ao representante da Área Comercial Centro, ás concelleiras de Urbanismo, Sonia Ogando e de Seguridade, María Fernández Dibuja e ás asociacións veciñais de Cimborrio, Casco Vello e Miño.

Para tomar esta medida, o Concello escoitou as diferentes posturas e opinións tratando de atopar unha solución para o resto do verán. O alcalde considera o decreto como “unha boa medida para todos, no senso de conciliar o ocio e o descanso dos veciños, así como para contribuír a paliar os efectos da Covid-19 no sector da hostalería”. Tamén se recolleu a proposta da asociación veciñal Cimborrio que busca avanzar nas novas ordenanzas de veladores (instalación de terrazas en chan público), así como na instalación de cámaras de videovixilancia e senómetros para detectar o ruído e poder adoptar medidas.

Os colectivos presentes na reunión tamén acordaron solicitar á Subdelegación do Goberno que se reforce o labor da Policía Local por parte da Policía Nacional. Fixeron tamén referencia ao uso adecuado das mascarillas sanitarias, ás aglomeracións nas terrazas, ao cumprimento dos horarios e aos controis policiais.

Artigos relacionados

Back to top button