ColaboraciónsCulturaCulturaOpiniónÚltima hora

As voces que fan a historia dende un silencio paseniño

Artigo de Concepción Dolores Sánchez Rodríguez, natural de Grixoa (Viana do Bolo)

Concepción Dolores Sánchez./ Foto cedida.

 

Hoxe, 8 de marzo do 2021, conmemoramos o Día Internacional da Muller que quedou constituído na década dos anos 70 do século XX pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e que se viña fraguando dende 1911.

Dende a antigüidade, a muller foi protagonista da historia pois, temos mulleres ilustres e destacadas en todas as épocas do noso devir histórico. Todas elas loitadoras incansables, cada unha dende a súa perspectiva, por defender eses dereitos inherentes a todo ser humano que cada unha de nós debe levar implícitos no seu ser interno.

As mulleres tiramos da historia e da cultura cambiando a evolución da vida mediante a literatura, a arte, a loita armada e os traballos que para soster a economía do fogar tivemos que cargar ás nosas costas, sendo ao mesmo tempo moitas veces esquecidas polos libros de texto.

Neste día tan importante quero lembrar a todas aquelas heroínas que fixeron avanzar a humanidade cos seus logros e, en especial, fago mención dalgunhas das nosas galegas que co seu ímpeto se lanzaron ao progreso deixando atrás os estigmas dun pensar anquilosado.

Exeria, monxa que viviu no século IV e escribiu un libro de viaxes que leva por título: Itinerarium Egeriae.

María Castaña que no século XIV defendeu os dereitos dos labregos.

María Pita, heroína da loita contra os ingleses na Coruña.

Rosalía de Castro, unha voz universal das nosas letras que falou da terra galega na nosa lingua.

Francisca Herrera, a primeira académica electa da RAG (Real Academia Galega).

Emilia Pardo Bazán, escritora, xornalista e catedrática de literatura contemporánea.

Felicia Auber, xornalista e activa defensora do acceso da muller á cultura.

Elisa e Jimena Fernández de la Vega, primeiras licenciadas galegas.

Concepción Arenal (diplomada en Dereito, xornalista, poeta) e Manuela Pico Barreiro ( licenciada en Farmacia) que foron universitarias no século XIX e principios do XX, cando era case impensable que as mulleres puidésemos facer unha carreira universitaria.

A nosa valdeorresa, Consuelo Rodríguez López (Chelo), que traballou pola liberdade a través da loita armada.

Maruja Mallo, destacou como filósofa, revolucionaria, librepensadora e artista.

María Barbeito, mestra pioneira na renovación pedagóxica do século XX e seguidora de María Montessori, defensora da empatía no proceso de construción de coñecementos e da importante relación entre a saúde física e mental dos cativos e cativas.

A miña admirada profesora de Historia Moderna, Ofelia Rey Castelao, admirable e incansable traballadora que tamén fixo estudos e publicacións sobre a muller na historia de Galicia.

Á vianesa Nieves Fernández Vidueira, de Quintela do Pando, que ademais de nai é gandeira, artesá, empresaria e escritora, e que foi distinguida co premio ao Mérito Agrario no ano 2010.

Xela Arias, muller de gran sensibilidade social á que este ano lle dedicamos o Día das Letras Galegas.
Ademais de todo isto, estamos a presenciar unha época importante na historia da humanidade pois parece que a cristiandade avanza grazas ao Papa Francisco xa que é o artífice da reforma da Igrexa en campos tan diversos como a economía, as finanzas, a administración, os tribunais eclesiásticos, o dereito canónico, as comunicacións sociais, a sanidade, o laicado e a familia.

E ademais asistimos ao acceso da muller ao acolitado e ao lectorado a través da reforma do canon 230 de dereito canónico e tamén somos testemuñas do nomeamento da relixiosa francesa Nathalie Becquart como subsecretaria do Sínodo de bispos con dereito a voto.

Parece que a evolución da humanidade fai que vaiamos progresando en busca da igualdade que implica tamén complementariedade e respecto mutuo dentro da gran pluralidade que se fai presente no mundo actual.

E para rematar, direi que nacemos como seres humanos e chegamos a ser persoas (homes ou mulleres) acadando complementariedade e respecto mutuo dentro dunha igualdade inherente a todas as persoas do mundo.

Texto e vídeo: Concepción Dolores Sánchez Rodríguez.
Grixoa, Viana do Bolo, Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button