EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

As X Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño, do 8 ao 10 de outubro en Valdeorras

A directora de Turismo de Galicia presentaba en Monterrei a nova edición deste programa que, por vez primeira, dedicará unha fin de semana a cada unha das cinco rutas dos viños galegas ao longo do mes de outubro

 

“Volvemos brindar?”. Con este lema desenvolverase entre o 1 e o 31 de outubro a décima edición das Xornadas de Portas Abertas nas cinco Asociacións das Rutas dos Viños de Galicia (as do Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas) ampliando o número de entidades participantes, 89 en total, e o tempo de duración do programa, que pasa de dúas a cinco fins de semana.

Así o destacou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, quen presentou esta tarde no Castelo de Monterrei a nova edición das Xornadas de Portas Abertas acompañada polos representantes das cinco Rutas dos Viños de Galicia e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Castro destacou que esta iniciativa conxunta chega “plenamente consolidada, cun incremento das adegas participantes, da duración do programa e coa ampliación das actividades complementarias propostas”.

Así, as Xornadas de Portas Abertas amplían a súa duración e dedican, por vez primeira, unha fin de semana para cada unha das rutas dos viños de Galicia comezando pola Ruta do Viño Rías Baixas (1-3 de outubro), para continuar coa do Valdeorras (8-10 de outubro), Ribeira Sacra (15-17 de outubro), do Ribeiro (22-24 de Outubro) e, finalmente, a Ruta do Viño Monterrei (29-31 de outubro).

Deste xeito, aqueles que se queiran achegarse ata os territorios do viño poderán facer visitas guiadas e de balde nas 63 adegas participantes -un 30% máis que as que participaron na edición do ano pasado-, e poderán aloxarse nalgún dos 18 aloxamentos turísticos adheridos, degustar menús especialmente creados para a ocasión nos 8 establecementos de restauración do programa ou participar no programa de máis de medio cento de actividades especiais deseñadas para a ocasión: paseos en barca, catas comentadas, sendeirismo ou visitas a museos, entre outras.

Todas elas, ademais, concibidas para ser gozadas en pequenos grupos e previa reserva, co obxectivo de seguir dándolle cumprimento ás medidas preventivas e de seguridade derivadas da crise sanitaria, garantindo así un enoturismo seguro.

Bus do Viño

Estas medidas de limitación de aforamento tamén se manterán no servizo de buses do viño que volverá a poñerrse en marcha para os participantes que queiran realizar as visitas ás adegas, museos e outros lugares de interese. En total haberá 38 buses, con diferentes rutas e saídas, que estarán sempre acompañados por un guía turístico e cun aforamento limitado ao 60% da capacidade de cada bus, garantindo así as distancias de seguridade.
Sorteos nas redes sociais

Ademais, co obxectivo de dar a coñecer a iniciativa, a partir do vindeiro luns, 27 de setembro, Turismo de Galicia comezará a sortear a través do seu facebook un total de 15 premios, tres por cada ruta do viño, consistentes nunha noite de aloxamento e un xantar para dúas persoas nos establecementos asociados.

Pódese consultar toda a información relativa ás xornadas na web de Turismo de Galicia e afondar nos recursos enoturísticos na app Enoturismo de Galicia, que conta con información precisa de cada recurso en galego, castelán e inglés.

Estratexia de dinamización

Dende a Consellería do Medio Rural, que estivo representada neste acto polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, saliéntase o compromiso da Xunta co sector vitivinícola galego en xeral e coa denominación de orixe Monterrei en particular. Neste sentido, como demostración dese apoio, cómpre citar iniciativas como a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Esta folla de ruta persegue potenciar os ámbitos produtivo, industrial e distribuidor do sector e outros eidos vinculados a el, como son o turismo, o patrimonio ou a paisaxe.

Ademais, o gran obxectivo da Estratexia é mellorar o posicionamento dos viños galegos, aumentar a súa competitividade en mercados nacionais e internacionais e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce. No seu desenvolvemento xogará un papel fundamental a Lei de recuperación da terra agraria, para garantir a rendibilidade do sector do viño e a súa sustentabilidade, así como a remuda xeracional.

Ademais, tamén en relación con esta norma, é preciso destacar que por parte da denominación de orixe Monterrei solicitáronse un total de 407 hectáreas para o desenvolvemento de polígonos agroforestais -contemplados na lei- destinados a viñedo acollido na DO. A recuperación desta superficie demandada polos consellos reguladores vinícolas levarase a cabo ao abeiro do devandito texto legal, co fin de reforzar estes selos de calidade mediante figuras de mobilización de terras.

Artigos relacionados

Back to top button