CulturaCulturaÚltima hora

As Xociviga 2017 do Carballiño homenaxean a Fernando Rey

O festival decano do cine galego amosará un total de 16 filmes do 30 de xullo ao 4 de agosto
Fernando Rey.

As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga), o festival audiovisual decano de Galicia, desenvolverá unha nova edición do 30 de xullo ao 4 de agosto no Carballiño. A homenaxe ao actor coruñés Fernando Rey no centenario do seu nacemento, proxeccións de títulos de ficción e documentais galegos, cinema internacional, exposicións, publicacións e un certame de curtas son algunhas das actividades que centran a trixésimo terceira edición do evento.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con este encontro que, organizado polo Concello do Carballiño, é un dos festivais audiovisuais subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para este tipo de encontros.

Así o expresou hoxe, 18 de xullo, en rolda de prensa, xunto co concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen recoñeceu a “longa, ininterrompida e frutífera traxectoria” do evento. Destacou, neste sentido, o seu dobre mérito de achegar a cultura audiovisual aos veciños da vila ourensá e, ao tempo, ter contribuído ao desenvolvemento cinematográfico da nosa Comunidade a través de, por exemplo, o impulso a propostas colectivas como a Federación de Cineclubs de Galicia ou a Asociación Española de Historiadores del Cine, así como a posta en valor de nomes tan importantes para a nosa cultura como o do cineasta Carlos Velo ou o do documentalista Manuel Aris Torres.

As Xociviga 2017 comezarán cunha xornada-prólogo na noite do 30 de xullo, coa proxección na praza Maior do Carballiño de El bosque animado. O acto, que contará coa presenza do director José Luis Cuerda, servirá para renderlle homenaxe ao actor galego Fernado Rey, un dos protagonistas do filme, xa que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento na Coruña.

O programa continuará ata o 4 de agosto con 16 películas en catro seccións: “Xociviga Cinema”, que exhibirá seis filmes (entre eles, “Locas de alegría”, “Land of Mine” ou “Un Hombre llamado Ove”), “Xociviga Nenos”, con pases matinais de éxitos infantís, “Documentais Galicia”, composto por “Contando a Carlos Casares”, “Esquece Monelos” e “Manuel Vilariño Ser Luz;” e “Ficción Galega”, con “María y los demás”, “Migas de pan”, “Mimosas” e “Sicixia”.

Ademais, a actividade das xornadas comprenden as exposicións “Carlos Casares e o Cine”, instalada na Casa do Concello (que se completará cunha conferencia do mesmo título a cargo do mestre e crítico Miguel Anxo Fernández); e Retratos Documentados, de José Abalo, que se poderá visitar no Auditorio Municipal. Esta última mostra é tamén a protagonista dunha das publicacións das Xociviga deste ano, xunto co libro-programa que incluirá textos asinados por José Luis Cuerda sobre Fernando Rey.

O certame de curtametraxes CurtasoPrima, a entrega dos premios Xociviga de Honra e Insignia de Ouro, un concerto de bandas sonoras a cargo da Banda-Escola de Música da Limia e mais o proxecto educativo realizado coa Universidade de Vigo “Xociviga Aulas” son outras das accións previstas.

Artigos relacionados

Back to top button