CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

As Xornadas de Teatro da Rúa entran na recta final cunha divertida posta en escena de Namarella Teatro de Verín

A representación de "WC (O Baño) fixo rir ao numeroso público asistente á penúltima función desta X edición do programa organizado pola ACT A Ruada

Aproximadamente un ano despois da súa estrea, precisamente nestas xornadas, o grupo Namarella Teatro de Verín regresaba a Valdeorras para protagonizar a penúltima función das X Xornadas de Teatro da Rúa, organizadas pola ACT A Ruada.

O grupo, formado por Vanesa Faro, Quique Rodríguez, Andrea Gómez, Mª Luz Varela, Miguel Tomé, Eduardo Rodríguez e Darío Varela, subíase ao escenario do Centro Cultural Avenida na tarde do 24 de novembro, para facer rir ao numeroso público asistente coa súa obra WC (O Baño). Trátase dunha divertida versión adaptada de Mi mujer es el fontanero de Hugo Daniel Marcos, dirixida por Miguel Tomé, que conta a historia de Carlos, un xove que perde á súa muller un ano despois de casar. Solitario, maniático e nostálxico vese envolto nunha historia sobrenatural: a causa dunha descarga eléctrica Daniela volverá a casa pero reencarnada no fontaneiro. A súa nai, unha veciña da que está medio namorado, o porteiro que quere cobrar unha factura e unha convidada moi insistente e seductora  rematarán a tarefa de volver louco ao pobre Carlos. Unha hora de entradas e saídas, de equivocacións e malos entendidos que arrancou sonoros aplausos.

A última función das xornadas de teatro, prevista para o vindeiro domingo 1 de decembro, correrá a cargo do grupo anfitrión, A Ruada, coa súa obra O cantar do estudiante.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button