En portadaGalerías de fotosÚltima hora

As XVI Covas de Seadur atraen a unhas 1.700 persoas

Nesta exitosa edición abrían as súas portas aos visitantes un total de 18 adegas desta localidade de Larouco na tarde e noite do Sábado Santo

Especialmente multitudinaria resultaba a 16ª edición das Covas de Seadur (Larouco). Xa dende a apertura deste percorrido festivo, ás sete e media da tarde do Sábado Santo, eran numerosas as persoas tanto da zona como de fóra, as que se achegaban ata esta localidade para visitar as súas adegas soterradas nun ambiente moi especial de festa e convivencia.

 

Para acceder a esta ruta era preciso abonar un donativo de 12 euros no caso dos adultos e de 6 euros no dos nenos (7-12 anos). A partir de aí podían visitarse un todal de 18 covas nas que, ademais de poder admirar estas singulares construcións ideadas séculos atrás para a perfecta conservación do viño, tamén se podían degustar brancos, tintos, godellos e mencías, así como auga e refrescos nas adegas, acompañados de saborosos petiscos quentes (como caldo, apella, pasta con chourizo ou polo con arroz ao curri), e tamén fríos como empanada, embutidos, queixo ou tortilla de patacas.

 

E todo isto envolto pola música tradicional, baile e o ritmo dunha charanga nas diferentes zonas deste traxecto de covas. Arredor das dez e media da noite as adegas pechaban as súas portas e a festa continuaba ata a madrugada na explanada próxima, onde se instalaba unha carpa e soaba a música dun Dj.

 

Unhas 1.700 persoas aproximadamente participaban nesta edición, segundo os datos que manexa a organización que agradece a gran resposta de público así como a colaboración das diferentes persoas que apoiaron este evento. Ademais destácase a actitude responsable dos participantes e tamén o feito de que foron moitas as persoas que, de xeito espontáneo, acudían con instrumentos contribuíndo a animar a festa.

Esta nova edición das As Covas de Seadur ten sido organizada pola Asociación da Ruta das Covas de Seadur coa colaboración co Concello de Larouco.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button