OurenseÚltima hora

Aseguran pedir 300.000 pesetas polo rescate dun indixente que retiveron no seu piso na estrada de Vigo

Na Comisaría din que nunca se realizou a petición do rescate á familia. Os axentes rescataron á vítima tras seres alertados por unha veciña

 

Inmoble onde permaneceu retida a vítima na N-120.

Axentes da Policía Nacional detiveron onte a dous homes (J.T.F e B.R.B) por teres secuestrado a un home nun piso sito na estrada de Vigo (N-120), á altura da “Cafetería STOP”. A alerta foi dada por unha veciña do bloque anexo, cara ás 13:45 da tarde, segundo informaron fontes policiais. Tras recibila, os axentes da UPR (Unidade de Prevención e Reacción) desplazáronse até o lugar e subiron ao piso. Dende a Comisaría aseguran que os axentes falaron a través da porta cun home que “dixo que estaba pechado no piso dende o domingo e que os seus captores lle pedían cartos”. Tras iso, os axentes da Policía Nacional requiren a axuda dos Bombeiros de Ourense para liberalo. Finalmente, conseguiron sacalo cara ás 14:20 horas entrando pola ventá do interior “e cortando cunha radial os ancoraxes da porta”.

As informacións aportadas pola Comisaría de Policía especifican que a vítima vivía na rúa e que no albergue coñeceu a J.T.F ( o primeiro detido) “onde lle conta que ten problemas e está na rúa porque a súa familia botouno por teres problemas de drogadicción”. Tanto a versión do detido como a da vítima coinciden en que o primeiro ofreceulle a súa casa (na estrada de Vigo) para prestarlle axuda. Segundo aseguraron dende a Policía Nacional de Ourense, o home presentaba unha lesión leve na cara producida por un dos detidos, segundo a versión da vítima, que di que “lle pegaron para esixirlle 300 euros que lles debía”.

Nun principio os axentes detiveron aos captores por un delito de detención ilegal, é dicir, por pechar a unha persoa “privándolle de liberdade”, explicaron dende a Comisaría. Pero, tras escoitar as declaracións de B.R.B, o segundo detido, a detención pasou a ser por secuestro “xa que non había débeda e si petición de cartos a cambio da súa liberdade”, aclaran dende a Policía.

Segundo o que declarou o segundo detido no interrogatorio, esixían a súa liberdade a cambio de 3o0.000 pesetas que lle pediron á familia. Pero fontes policiais aseguran que non se realizou chamada algunha á familia da vítima para esixirlle os cartos pola súa liberdade. Mañá, 15 de marzo, pasarán a disposición xudicial ambos os dous detidos.

Artigos relacionados

Back to top button