EconomíaEconomíaÚltima hora

A Asemblea Nacionalista do Macizo Central aborda a problemática do rural desta zona

Esta entidade, que se reunía o 5 de xuño, acordaba elaborar un catálogo de patrimonio etnográfico deste espazo ourensán
Participantes na reunión celebrada en Chandrexa de Queixa o 5 de xuño./ Foto: Asemblea Nacionalista do Macizo Central.
Participantes na reunión celebrada en Chandrexa de Queixa o 5 de xuño./ Foto: Asemblea Nacionalista do Macizo Central.

A finais do pasado mes abril nacía en Trives a Asemblea Nacionalista do Macizo Central, unha entidade da que forman parte representantes no ámbito local de concellos como Manzaneda, Pobra de Trives, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, A Teixeira e Montederramo.

En xuño mantiñan un novo encontro, desta volta en Chandrexa de Queixa, no que se abordaba o papel desta entidade no medio rural do Macizo Central e as accións a levar a cabo nel. Entre os problemas que se poñían enriba da mesa estaban o saneamento do gando, o retraso nos pagos aos gandeiros polo ataque dos lobos, o uso de glisofato nas estradas por parte de organismos públicos, as restriccións ás axudas da PAC ou as multas a gandeiros por pastorerar en terreos queimados de Rede Natura. Ademais acordábase solicitar unha reunión coa Consellería do Medio Rural para dar traslado destas problemáticas e expoñerlle distintas solucións.

Asemade analizábanse outras cuestións como o acceso a vivenda na contorna ou a elaboración dun inventario de patrimonio etnográfico do Macizo Central, “onde queden inventariadas edificacións singulares tales como fornos, muíños, sequeiros, fontes, lagares… Neste catálogo, que irá redactando cada quen dende o seu concello, incluírase a súa localización, foto, titularidade, estado de conservación, acceso…”, segundo se informa dende a Asemblea Nacionalista do Macizo Central, que manterá un novo encontro despois do verán.

Artigos relacionados

Back to top button