DeportesÚltima hora

Asfaval colabora na VI Marcha Ciclista Unificada que arrancará o 4 de outubro en Baños de Molgas

37 deportistas con discapacidade intelectual participarán no evento que percorrerá as catro provincias galegas
Amelia Blanco, presidenta de Asfaval, na presentación da marcha ciclista.

Co obxectivo de fomentar a inclusión e visibiliza de persoas con discapacidade intelectual, derrubando as barreiras físicas e psicolóxicas da sociedade á hora de coñecer e facilitar a participación destas persoas na vida social e comunitaria, nacía a Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade intelectual que organiza Special Olympics Galicia, por sexto ano consecutivo, e que este ano amplía o seu percorrido, chegando a localidades das catro provincias galegas.

A marcha comezará o vindeiro 4 de outubro coa primeira etapa pola localidade ourensá de Baños de Molgas (12 quilómetros), continuando ao día seguinte na provincia de Lugo, onde percorrerán a etapa entre Friol e Parga (19 quilómetros). O 6 de setembro a marcha chegará a Santiago de Compostela, nunha ruta que se desenvolverá polo centro da capital (13 quilómetros) e rematará o 7 de outubro en Vilagarcía de Arousa (13 quilómetros).

“En total, nas diferentes marchas, participarán 37 atletas con discapacidade intelectual, xunto cos clubs de ciclistas que tamén estarán na proba e os 20 voluntarios que haberá en cada ruta”, explicou Eladio Fernández na presentación á que tamén asistía entre outros, Amelia Blanco, presidenta da asociación Asfaval do Barco de Valdeorras, entidade socia de Special Olympics Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button