EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Asfaval recibe 2.500 euros da Fundación Iberdrola

Representantes da empresa hidroeléctrica visitaron a sede da asociación no Barco de Valdeorras

Unha mestura de alegría, tristeza e decepción. Eran os sentimentos que amosaba a presidenta de Asfaval, Amelia Blanco Delgado, na mañá do 9 de xaneiro. Alegría polos 2.500 euros que por terceiro ano a Fundación Iberdrola concedeu á Asociación de Familias de Disminuídos Psíquicos de Valdeorras. Tristeza e decepción, porque a Xunta denegou as cinco prazas públicas solicitadas para poder facer fronte aos gastos da residencia de discapacidade (a única do oriente ourensán) e mantela aberta.

Diante do representante da Fundación Iberdrola, Francisco Silva e do director da Conca do Sil, Miguel Ángel López, a presidenta de Asfaval daba a triste nova: “fomos a concurso e volvimos caer. Non nos deron as prazas que solicitamos. Non pudemos competir porque non temos nin solvencia económica nin técnica e piden unhas condicións que non podemos cumprir”. Amelia explicou que xa on intentaran no 2015 e agora volveron quedar fóra. “Somos a única asociación da provincia para o concurso de prazas públicas da residencia e viñémonos abaixo sen ter sequera  con quen competir. Estamos decepcionados porque ofrecen pero non dan xa que os técnicos teñen o protocolo a seguir e Asfaval non cumpre os requisitos. Tiñamos un acordo de exclusión da mesa de contratación da xestión de servizos públicos e a reserva…. Son 7 os usuarios que durmen aquí dende o 2015 cun 75% da súa pensión (100 euros) mensualmente, e son 16.000 euros o que custa, por exemplo, un monitor sociosanitario-cuidador pola noite”.

Ante esta nova, dende a dirección de Asfaval esperan pode reunirse co conselleiro e piden “que por favor nos den unha oportunidade de como mínimo dez-quince prazas para cubrir o ratio de persoal que nos piden: ter médico, enfermeira (por horas), fisio, terapeuta ocupacional, coidadora social,… Piden o mesmo por cinco usuarios que por quince e, manter unha residencia, sexa xeriátrico ou con discapacidade como esta, sen un soporte, é imposible”. Ademais dos 2.500 euros da Fundación Iberdrola, Asfaval suma outros ingresos (700 euros de Sergal, 7.000 euros do Concello do Barco, 6.000 euros da Deputación, 3.000 euros da ONCE, 4.000 euros de campamentos,…), pero resultan insuficientes para facer fronte aos 43.000 de solvencia que pide a Xunta.

Ademais, a presidenta de Asfaval tamén se sinte decepcionada ante a falta de xente de Valdeorras disposta a traballar dentro do plan de cooperación. “Fóronse 47.000 euros da Xunta porque para os postos de psicólogo, terapeuta ocupacional e coidadora, en cinco días que tiñamos de prazo, non atopamos xente que quixera traballar. Houbo entrevistas durante o Nadal para dar a oportunidade á xente da comarca e rechazaron as prazas, por diferentes motivos. É unha pena porque a miña ilusión era crear postos de traballo e dar un bo servizo aos usuarios e agora temos unha dobre negativa: fóronse abaixo os cooperas e as prazas de residencia, e despois de tanto traballo sénteste un pouco frustrada”, dixo, agradecendo, non obstante o apoio da xente que si os axuda, entre os que nomeou ao Concello do Barco, a Iberdrola ou á traballadora social Carmen Crespo “unha das persoas que nos axudado moito e manda ás familias aquí a asesorarse”. Ademais, Amelia asegurou que non se vai dar por vencida e “volveremos intentalo, pero teñen que poñernos unhas claves coas que poidamos competir. Se non se consegue os usuarios volverán ao transporte e pecharase a residencia con todo o que implica porque Valdeorras necesita este servizo. É unha demanda das familias de toda esta zona pero é a Administración quen debe pensar no rural, que non se quede todo na cidade, que teñamos a mesmas oportunidades e dereitos. Non nos poden esixir o mesmo, non é xusto”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button