ConcellosÚltima hora

Asinado o convenio de limpeza de faixas secundarias para a prevención de incendios

O acordo, no que participan Medio Rural, Seaga e a Administración local, servirá para crear un sistema público de xestión da biomasa

Este convenio “é un paso adiante para cumprir o obxectivo de que os núcleos de poboación estean protexidos en caso de incendio”, aseguraba o presidente da Fegamp Afredo García trala sinatura por parte do ente supramunicipal que preside, a Consellería do Medio Rural e Seaga, aclarando que “aínda que pode resolver o tema da seguridade, este convenio non acabará cos incendios xa que iso pasaría como dicimos de forma insistente desde a Fegamp, por que se ordene o territorio, se poña en valor e se faciliten os medios legais que se estimen convintes”.

Tras a publicación no DOG do convenio de limpeza de faixas secundarias (as próximas aos núcleos de poboación) que regulará a colaboración entre as tres administracións para a prevención de incendios, asinada na mañá do 9 de agosto, os concellos terán un mes para adherirse voluntariamente ao mesmo e así poder acceder ao financiamento previsto de 28,5 millóns de euros en 4 anos.

Unha cuestión fundamental segundo Alfredo García é “que a implicación dos propietarios das fincas abandonadas, cumprindo así a súa obrigación, está a eliminar a percepción errónea de que son as administracións as que teñen que limpar as fincas”. Por iso, asegurou García, “incidirase na identificación de propietarios de parcelas que non estean limpas procedendo á sanción ou execución subsidiaria á costa dos propietarios”, concluíu.

Os criterios de actuación para executar os labores necesarios de desbroce, que serán realizadas pola empresa pública Seaga, están “serán determinados polo risco de incendios nos últimos anos, alta actividade incendiaria, afectación do vento nordés, etc.” O acordo fará posible a actuación, en arredor de 16.000 hectáreas de faixas secundarias, con especial atención a aqueles concellos máis afectados polos lumes. Os traballos centraranse nos terreos abandonados e nos de particulares que se adhiran a un contrato de xestión de biomasa coa entidade xestora do devandito sistema público. Os titulares de montes que se comprometan co sistema aboarán unha tarifa bonificada de 350 euros por hectárea para a xestión da biomasa nos seus terreos. Os propietarios beneficiaranse así das vantaxes do sistema, que inclúen a asunción polas administracións públicas dos maiores custes a que poidan dar lugar estes traballos.

 

Artigos relacionados

Back to top button