OurenseÚltima hora

Asinado o convenio para a creación do Campus da Auga en Ourense

O edificio estará operativo en 2017 e concentrará os labores de investigación dos diferentes clusters que integran o proxecto
Sinatura do convenio entre a Consellería de Educación e Cultura e a Universidade de Vigo.
Sinatura do convenio entre a Consellería de Educación e Cultura e a Universidade de Vigo.

Co convenio de colaboración que na mañá do 10 decembro asinaban o conselleiro de Educación e Cultura Xesús Vázquez Abad e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, dábase o paso definitivo para que o proxecto de Campus da Auga de Ourense se convertan nunha realidade.

O departamento educativo da Xunta inviste preto de cinco millóns de euros neste proxecto que, segundo explicou o conselleiro, foi concibido “para reforzar a posición do Campus de Ourense da Universidade de Vigo como centro de referencia na investigación da auga, non só no ámbito galego, senón nacional e internacional”.

Coa sinatura deste convenio ponse fin a unha etapa do camiño iniciado en 2012 e agora dan comezo os traballos preparativos para a construción do edificio que, se ben tamén albergará a sede institucional do Campus da Auga, destinarase primordialmente a usos de investigación, e nel concentraranse os labores de investigación dos diferentes clusters que integran o proxecto Campus da Auga. De feito, tal como explicou o conselleiro, haberá áreas de especialización de alimentación, ambiente e TIC; áreas de xestión do recursos da auga, innovación social e educativa, turismo e patrimonio cultural. Engadiu ademais que está previsto finalizar o proxecto o vindeiro ano e as obras estarán rematadas en 2017.

O edificio situarase no Campus Sur, nunha parcela entre a piscina e o edificio de Xurídico Empresarial, e contará cunha superficie total de preto de 3.600 metros cadrados que albergarán a sede corporativa, o centro de supercomputación, os laboratorios e o aparcadoiro.

As instalacións estarán dotadas de laboratorios e plantas piloto con equipamento específico, é dicir, espazos dedicados a facilitar recursos de investigación, así como doutras áreas con especificacións técnicas máis xenéricas e zonas para reunións e intercambio empresarial.

Artigos relacionados

Back to top button