OurenseÚltima hora

Asinado o convenio para mellorar a atención sanitaria nos centros penitenciarios galegos

O secretario xeral de Institucións Penitenciarias e o conselleiro de Sanidade rubricaron o acordo no CHUO

 

Na mañá deste luns 10 de xaneiro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o secretario xeral de Institucións Penitenciarias, Ángel Luis Ortiz González, asinaban un convenio de colaboración que permitirá que o persoal sanitario das prisións galegas poida acceder ás historias clínicas dos internos.

O Complexo Hospitalario Universitario de Ourense acollía así a sinatura dun acordo que “optimizará e axilizará o traballo dos profesionais sanitarios que desempeñan o seu labor nas cinco prisións emprazadas na comunidade galega”, tal como adiantan dende a Consellería de Sanidade. Así, o persoal médico e de enfermaría poderá coñecer de forma inmediata a información que conten o sistema IANUS sobre os internos dos seus propios centros, e entre a que se atopan as patoloxías previas que padeceran, ou os tratamentos farmacolóxicos que están a seguir.

 

Asistenes á sinatura do convenio cos centros penitenciarios.

 

Entre as melloras que derivan do acordo, o persoal sanitario de prisións poderá xestionar dun xeito máis sinxelo a petición de analíticas para os internos, a recepción dos resultados das probas médicas, ou concertar interconsultas cos especialistas do Servizo Galego Saúde.

O titular do departamento sanitario da Xunta destacou que integrar e compartir a información clínica repercutirá dun xeito importante na calidade asistencial que recibirán as persoas internas. Ademais, unha vez saian dos centros penitenciarios, estas persoas non terán un espazo en branco na súa historia clínica, senón que contarán cun expediente dixital integrado e completo, onde figurará toda a súa experiencia sanitaria.

Así mesmo, o acordo entre Xunta e Institucións Penitenciarias tamén facilitará a participación do persoal sanitario das prisións de Pereiro de Aguiar, Outeiro de Rei, Monterroso, A Lama e Curtis nos cursos de formación que oferte o Servizo Galego de Saúde aos seus profesionais, en función da dispoñibilidade de prazas.

Artigos relacionados

Back to top button